miércoles, 8 de febrero de 2012

A fábrica de soños

A piqueta inmisericorde da ignorancia e da cobiza lévase nestes días outro anaco máis da historia de Ferrol: a vella Fábrica de Lapis. A visión perturbada que a sociedade, e moi en especial os nosos representantes políticos, teñen do progreso impídenlles comprender esas sabias palabras que un día deixou dito Miguel Delibes: "todo cuanto sea conservar el medio es progresar; todo lo que significa alterarlo esencialmente, es retroceder". Outro escritor lúcido como Antón Cortizas adica á Fábrica estas fermosas palabras que transcribo a continuación:

"Era moi cedo cando dende Canido, Esteiro, Caranza, dende a Madalena, Ferrol Vello ou Serantes... dende toda a contorna desta cidade latente, escoitábanse as sereas das fábricas naqueles tristes anos de despois da posguerra : Pemsa, Pysbe, Bazán, Fenya, Hispania, Arsenal... Para os que agora somos adultos e daquela eramos aínda pequenos, as sereas eran apenas unha música monótona que non nos sacaba o sono, mais que si nos encamiñaba na difícil tarefa de existir como infantes, como familias, como cidadáns. Era o anuncio dunha nova xornada laboral, era o aviso dun novo día de traballo desta fabril cidade que presumiu e presume de ser ilustrada.

Hoxe as sereas calaron, porque se supón que non hai ninguén que non teña un despertador ou máis preto da orella. As fábricas mudaron ou pecharon e quedaron apenas os edificios dalgunhas delas, como cadaleitos tristes e abandonados non só polos que todo o abandonan, senón tamén polos que se cría que tiñan que ser ilustrados e, por tanto, coidadores do patrimonio común e non o fan. Talvez isto ocorra porque de certo as sereas calaron hai tempo, e non posúen un despertador suficientemente potente que lles desperte a conciencia da cidadanía, da ilustración, do respecto ao patrimonio, tanto material coma inmaterial.

Un deses emblemáticos edificios fabrís é este da Fábrica de Lapis. Este onde antano se fabricaron mazos e mazos de lapis non só para nós e para os nosos, senón que, competindo coa lapisaría máis poderosa, chegaban a moitos recunchos do mundo. Hai bastantes anos que neste edificio se apagaron os latidos das máquinas que lle poñían á madeira un corazón de grafito que escribiría contas, ditados, anotamentos, recados, poesías...

Nas madrugadas proletarias a cheminea da fábrica de lapis comezaba a escribir no ceo de Ferrol todas as historias imaxinábeis, todas as palabras que os cativos e as cativas escribiamos con aquelas pequenas mans trémulas e inocentes. Os lapis de carpinteiro, de pel vermella e corpo ovalado, os lapis de copia, que mollabamos con cuspe antes de escribir con eles, e, en fin, os lapis de cores da fábrica chegaban a todas partes, en todas partes, aqueles dous monifates collidos das mans, o símbolo dunha industria peculiar... daban cor a aquela triste época da ditadura manchada de morte e de silencio. Tal era a presenza nas nosas vidas dos lapis de Johan Sindel ou Hispania que o seu cheiro inconfundíbel que emanaba cando o afialapis revivificaba a súa punta de grafito quedará gravado nas nosas memorias; o exótico cheiro a cedro americano, aquela acastañada, branda e cálida madeira que envolvía a mina dos nosos primeiros escritos. Queridos lapis, queridos plumíns aqueles, cos que sangrábamos con tinta azul nos cadernos esborranchados as primeiras ilusións infantís daquelas crianzas nacidas naquela época escura. Aquelas crianzas que sabiamos aproveitar mesmo os plumíns que nos esgallaban, se non os esgallabamos adrede, para facermos uns dardos aos que chamabamos espichaportas...

Mais o tempo pasou e mudou, para ben e para mal. A Fábrica de Lapis ergue a súa cheminea, símbolo dunha época e dun proceso industrial, xa histórico, querendo escribir agora apenas coa mina do vento, un epitafio que esta cidade descastada lle provoca. Ferrol, pobre cidade empeñada en borrar os seus signos positivos de identidade: a arquitectura fabril, da que unha boa mostra é este derrotado edificio, é un orgullo noutras cidades. Aquí, preténdese que a Fábrica de Lapis siga o camiño do Baluarte de Canido, que no ano 1976 foi reducido a entullo, salvándose apenas unha mínima parte do mesmo; ou o derrotado Castelo de San Filipe, que se salvou polos pelos, ou tantos e tantos fermosos edificios do barrio da Madalena, que foron substituídos por modernos adefesios.

Ferrol, cidade empeñada en chamarse ilustrada sen dar mínima mostra de respecto e de valoración polo propio, parece ignorar que a Ilustración non se pode comprar con diñeiro, mais si con estudo, con aprendizaxe, con adquisición e, sobre todo con aplicación do que se sabe nos comportamentos da vida diaria.

Deses ilustrados que apenas son capaces de ver e de admirar o lustre das moedas, para os que só o diñeiro ten valor, para os que a cheminea da fábrica de lapis non é, non era, un xigantesco lapis que escribiu co fume do grafito a aventura industrial dunha cidade que sempre puido ser algo digno, mais que aínda non atinxiu a dignidade de ser respectada polos seus propios habitantes.

Quen sexa que teña nas súas mans o futuro inmediato do edificio Hispania, o dos monifates dos lapis, talvez apague este símbolo do que, non sendo xa fábrica de lapis, si puido ser un lugar onde as xentes puidesen realizar algúns dos seus soños, dándolle ao edificio unha función ilustrada, a que a imaxinación dos ferroláns ilustrados, que si que os hai, lle puidesen asignar.

Quen sexa que sexa... que deixe que a cheminea da Fábrica de Lapis siga escribindo os soños de grafito que aínda non se nos cumpriron, usando agora a caligrafía da brisa mariña e o suave papel das nubes atlánticas.

E se non, que escriba co lapis da ignorancia, cen veces, non, mil veces, cen mil veces:
Nunca volverei destruír o patrimonio arquitectónico de Ferrol.
Nunca volverei destruír o patrimonio arquitectónico de Ferrol.
Nunca volverei destruír...

Que os lapis que olen a cedro, sempre presente, nos traian á memoria o aroma de que Ferrol
pode ser unha cidade máis culta, máis respectuosa co patrimonio material e inmaterial, máis ilustrada, en fin".


Antón Cortizas

lunes, 6 de febrero de 2012

Unha de bandoleiros... (II)

No panorama do bandoleirismo galego do século XIX a gavela capitaneada por Manuel de la Cruz Sopiñas na comarca de Ferrol representa un caso singular, máis próximo ao hampa urbano que ás tradicionais actividades delictivas das gavelas que actuaban nas zonas rurais.

De orixes humildes, Manuel de la Cruz instálase en Ferrol procedente de Lugo a principios de século. Traballa como aprendiz nunha xastrería e percorre as feiras traficando coas mercadurías do seu patrón. Os seus escasos recursos apenas lle daban para alimentarse con míseras sopas, e de ahí lle veu o seu alcume.

Ao cabo duns poucos anos rexenta unha taberna en Ferrol e adícase ao arrendo de viños e carnes, non tardando moito en converterse nun dos máis opulentos comerciantes da cidade, con propiedades tanto no centro como nas aforas da cidade. Esta prosperidade tiña a súa orixe nas accións ilícitas que comeza a desenvolver na compaña dun grupo de incondicionais, entre os que se contaban Miguel Rodríguez, Victorio e Luis de la Peña, José Vicente Prieto, Juan Nepomuceno Fernández Juan das Peras, Manuel Mariño.

A banda, formada por máis de cen individuos, posuía unha complexa e enmarañada estrutura, onde o vínculos familiares e un oscuro pacto de natureza supostamento demoníaco denominado a Compañía do gangueo, aseguraban o silencio. Aparte do núcleo central, a gavela dispuña dun grupo que levaba a cabo os atracos capitaneado por José Rodríguez Serantes.

Entre 1823 e 1835 a gavela comete preto de cen roubos nos concellos de Ferrol, Fene, Mugardos, Cabanas e As Pontes. A impunidade quedaba garantizada pola complicidade de autoridades e xuíces. O grupo contaba, ademais, cunha rede de informadores e colaboradores, como o celador das portas de Ferrol, o xamoneiro Juan Lino Román, que coñecía moitas casas, ou o sarxento de voluntarios realistas Antonio Solís.

A disolución da gavela foi resultado do azar, mais que á discutible actuación das forzas de seguridade, daquela en mans dos voluntarios realistas. O enfrontamento no seo da gavela polo reparto dun botín resolveuse coa morte, a mans de Sopiñas, do bandoleiro Manuel Mariño, cuio cadáver apareceu no foso do Arsenal. A viúva denunciou os feitos e o gobernador militar de Ferrol, Tomás Zumalacárregui, que pouco tempo despois convertiríase nun afamado xeneral do exército carlista, logrou deter ao cabecilla nunha fonda.

A historia non remata aquí, pois o famoso bandoleiro, condenado á morte, sería obxecto, durante a súa prisión no castelo de San Felipe, dun misterioso intento de envelenamento cuia autoría atribúese a importantes personaxes locais que pretenderían evitar verse involucrados polo Sopiñas nos seus negocios. O traslado da causa á xurisdicción civil libroulle da morte, sendo condenado a unha longa pena de cárcere no presidio de Ceuta.

González-Llanos, S., Las andanzas del Sopiñas. Capitán de una gavilla de bandoleros ferrolanos, Ferrol, 2002

jueves, 2 de febrero de 2012

Unha de bandoleiros... (I)

O fenómeno do bandoleirismo estivo amplamente extendido en España ao longo do século XIX, anque na memoria colectiva cobren especial significación certas paisaxes, como Serra Morena ou a Serranía de Ronda, e certos nomes, como José María El Tempranillo, los siete niños de Écija ou Andrés López, el barquero, que inspirou a personaxe televisiva de Curro Jiménez.

Galicia ofrece un cadro distinto ao modelo clásico andaluz, onde o bandido é unha figura heróica, xenerosa e admirada pola comunidade; bandoleirismo que encaixa á perfección co tipo de "bandoleirismo social". O galego é un bandoleirismo case inominado, que apenas deixa lembranza na memoria popular, a excepción dalgúns nomes, como Manuel Balseiro -mencionado por Baroja en La casa del crimen-, Mamede Casanova, o derradeiro bandoleiro galego -a quen Valle-Inclán retratou con simpatía-, ou o ferrolán Manuel de la Cruz Sopiñas.

A violencia xusticieira do bandoleirismo semella gratuita e brutal no caso galego; é frecuente a ritualización da matanza do porco ou as torturas sexuais. O bandoleiro e, polo tanto, unha figura odiada e os seus latrocinios espertan a solidaridade dunha comunidade que condena os delictos que atentan contra a propiedade. Aínda que os obxectivos son variados, abundan os roubos ás rectorais. Isto explica o aspecto de casas fortes que presentan, con grosos muros e troneiras, e tamén que o arcebispo de Santiago solicite ao Gobernador da Coruña permiso para que os párrocos podan utilizar armas de fogo.

O caldo de cultivo no que se nutriu o bandoleirismo foi a Guerra da Independencia. As dificultades da posguerra, a crise política case permanente, a inseguridade creada polas partidas realistas, o estancamento das estruturas productivas, a gravosa fiscalidade -os temidos "trabucos"-, e as crises de subsistencia provocan un aumento da marxinalidade nos sectores rurais máis desfavorecidos, de onde proceden a maioría dos membros que integran as gavelas, que devastan con periódica regularidade tanto as facendas dos máis pudentes como as casas dos labregos.

"En los años 10 y 11 [numerosas gavelas] espantaron no pequeña parte de la población con sus atrocidades, violentos robos, crueles y sacrílegas muertes dadas con los trabucos y carabinas de que solían armarse a personas de ambos sexos y estados. Esta inhumana milicia era compuesta de crecido número de individuos, hombres y mujeres, unos ejecutores, otros receptadores y alcahuetes, capitaneados de los más valerosos y atroces, cuyos motes adquiridos por sus hazañas por sí solos causas espanto: el Tigre, el Fiero, el Fibillas, el Pirillas, el Demo vivo, y así otros..." (Saurín de la Iglesia, Rosa Mª, Apuntes y documentos para una Historia de Galicia en el siglo XIX, A Coruña, 1977).

Que o bandoleirismo aínda seguía vivo nos anos trinta próbao a observación que fai George Borrow (Jorgito el inglés) na súa obra A Biblia en España: "los caminos de Galicia estaban infestados de ladrones y carlistas que cometen todo género de atrocidades".

As gavelas contaban con redes de confidentes que lles informaban dos obxectivos máis atractivos. E ademáis, receptadores e alcaiotes, moitas delas mulleres, encargábanse de vender o botín nas feiras e mercados.
A actividade bandoleira é intensa na primeira metade de século. A partir da segunda metade diminúe considerablemente debido á estabilidade política, á unha maior eficacia na represión da criminalidade -creación da Garda Civil- e ao conxunto de reformas administrativas emprendidas polos gobernos liberais.

López Morán, Beatriz, El bandolerismo gallego en la primera mitad del siglo XIX, Ediciós do Castro, 1995

viernes, 13 de enero de 2012

A vinganza do Conde de Montecristo e a crise da débeda española

Son moitas as sombras que se ocultan trala brillante traxectoria do político liberal José María Queipo de Llano y Ruiz de Sarabia, fenómeno polo demás habitual entre as grandes personalidades públicas. O que fora un dos deputados máis influíntes nas Cortes de Cádiz, ministro de facenda e presidente de goberno durante a Rexencia de María Cristina, foi, ao mesmo tempo, o político máis denostado do século XIX.

A crise bursátil de 1835, orixinada pola caída das cotizacións da débeda española, ademáis de provocar a súa destitución, serviu de inspiración ao escritor francés Alexandre Dumas na novela O Conde de Montecristo, onde se convirte en instrumento da vinganza do protagonista Edmundo Dantés contra o avaricioso banqueiro Danglars, un dos culpables do seu longo cautiverio na prisión da illa de If.

José María Queipo de Llano y Ruiz de Sarabia (1786–1843), VII Conde de Toreno, naceu en Oviedo en 1786. Procedente dunha vella familia da nobreza asturiana, interésase desde novo pola obra de Locke e os ilustrados franceses. En Madrid completa os seus estudos. Alí sorpréndeo o estalido da Guerra de Independencia, desde onde axiña retorna a Asturias, onde participa no levantamento antifrancés. Como representante da Junta General del Principado, que se declara soberana, viaxa a Inglaterra para recabar a axuda económica do goberno británico.

Foi elexido deputado por Asturias nas Cortes Constituíntes de 1810, convertíndose no representante máis novo e acadando un gran protagonismo entre os liberais, xunto a figuras como Agustín Argüelles, Muñoz Torrero ou Florez Estrada, e chegou a ocupar a presidencia da cámara. Partidario dunha constitución segundo o modelo francés, da supresión dos señoríos e da Inquisición, as súas posicións ideolóxicas aproximábano á á máis radical do liberalismo.

Durante a restauración do absolutisno é perseguido, acusado entre outras, de colaborar no pronunciamento coruñés do seu cuñado Porlier, e pasa ao exilio, primeiro en Londres e logo en París. En Inglaterra toma contacto co sistema parlamentario e vese atraído polas ideas de Bentham, achegándose ao liberalismo moderado.

Home cosmopolita, o conde de Toreno falaba con fluidez francés e inglés e era ben acollido nos salóns máis renomeados da aristocracia europea. Él mesmo recibe na súa elegante residencia pasisina, e por alí pasan figuras destacadas da emigración liberal española, como Francisco Espoz y Mina e a súa muller Juana de Vega.

O Trienio Liberal tráelle de volta a España, onde é elixido novamente deputado por Asturias e preside tamén as Cortes. Neste período advírtese o seu xiro moderado na oposición ás radicais sociedades patrióticas e o que considera excesos da liberdade de imprenta, actitude que provocará as iras dalgúns exaltados, que atentan sen éxito contra a súa vida. Rexeitando o ofrecemento de Fernando VII para presidir o goberno, regresa a París. Non sen tempo, pois pouco despóis prodúcese a entrada dos Cen Mil Fillos de San Luis.

Durante o segundo exilio parisino Toreno comeza a escribir a Historia del levantamiento, guerra y revolución de España (1832), obra de referencia na historiografía do século XIX español que recolle as reflexións do político asturiano sobre a Guerra da Independencia.

Aproveitando a amnistía decretada pouco antes da morte de Fernando VII, en 1832, Toreno volve a España, sendo nomeado Ministro de Facenda en 1834 no goberno de Martínez de la Rosa. Nesta etapa viuse envolto nun escándalo pola concesión ao poderoso grupo financieiro dos Rothschild da explotación das minas de Almadén, recibindo, ademáis, destes máis de un millón e medio de francos a cambio da devolución dun crédito realizado pola banca Rothschild ao goberno español e cuio pago él mesmo se encargou de demorar.

En 1835 a rexenta María Cristina lle confía a presidencia do goberno, sustituíndo a Martínez de la Rosa, anque só se mantivo no cargo tres meses. A guerra carlista e os problemas económicos centrarán os seus esforzos. Para resolver éstes últimos nomea a Juan Álvarez Mendizábal ministro de facenda, elección que non é allea á presión dos Rothschild e o goberno británico. Foi él precisamente quen lle relevou ao fronte do Goberno trala crise producida polo afundimento dos títulos de débeda española e unha vez que triunfa o pronunciamento progresista de setembro. A orixe da crise está nas operacións especulativas á baixa de James Rothschild que deste xeito cobrábase vinganza polas traizóns do seu antigo socio. 


Un ano despóis, en agosto de 1836, o motín de La Granja lle obriga a retomar o camiño do exilio. Marcha a Francia outra vez, pero regresa ao ano seguinte para ser elixido deputado pola súa provincia nas Cortes que se inaguran en 1837. Nos anos seguintes terá que facer fronte á dura campaña de acusacións por malversación de fondos públicos, e en 1840 pronuncia na súa defensa un dos discursos parlamentarios máis memorables.


A chegada ao poder do xeneral Espartero, líder insiscutido do partido progresista, lévao ao exilio, que nesta ocasión será definitivo, pois falece en París en 1843.

A acerada pluma de Espronceda soubo reflexar o desprezo que a figura de Toreno despertou en certos sectores.


Al que supo erigiendo un monumento
(Que tal lo llama en su modestia suma),
Premio dar a su gran merecimiento
Y en pluma de oro convertir su pluma;
Al ilustre asturiano, al gran talento,
Flor de la historia y de la hacienda espuma;
Al necio audaz de corazón de cieno
A quien llaman el conde de Toreno.

lunes, 12 de diciembre de 2011

Somers Town: un barrio español en Londres

O retorno de Fernando VII a España, acabada a Guerra da Independencia, trouxo consigo unha violenta persecución contra os liberais. Os decretos do 4 de maio de 1814 abriron a veda contra os partidarios da Pepa e provocaron un éxodo que non cesaría en todo o reinado, salvo no breve interludio do Trienio Liberal. Os liberais seguían deste xeito os pasos dos afrancesados, os primeiros en tomar o camiño do exilio.

Na Europa da Restauración pocos eran os países dispostos a acoller aos refuxiados españois. A excepción foi Gran Bretaña, recelosa dos principios ideolóxicos que emanaban do Congreso de Viena e contraria á intromisión que supuña a Santa Alianza. A opinión pública inglesa veía, ademáis, con bós ollos os esforzos dos liberais para implantar en España un réxime político de carácter parlamentario.

Figuras da talla de Lord Wellington e Lord Holland tomaron baixo a súa protección aos emigrados españois, e o goberno británico, en atención á súa condición de aliados na guerra contra Francia, concedeulles una pensión, con cantidades que oscilaban entre as dúas e as cinco libras mensuais. Ademáis, organizouse un comité de axuda, do que formaron parte diversas personalidades, co obxectivo de recaudar fondos para os refuxiados.

Anque en Paris se asentou un pequeno grupo de liberais, sobre todo figuras prominentes como o Conde de Toreno ou o Marqués de Pontejos, en Londres foi onde se concentraron a maior parte deles; en particular en Somers Town, modesto barrio do norte da cidade, que servira de refuxio no pasado aos emigrados franceses que fuxían da Revolución. “Abreviada España constitucional” lle chamaba Alcalá Galiano que, lembrando os seus anos de exilio en Londres apunta: “En mejores días me ha sucedido, y no a mí solo, volver la vista con la mente a aquellas horas de destierro y pobreza, y considerarlas casi como suele considerarse un bien perdido”.

Alí residiron, durante o tempo que durou o seu exilio, preto de 800 refuxiados. As descripciós de escritores como Thomas Carlyle ou Blanco White abundan nas precarias condición de vida dos exiliados españois (“vivían como gitanos en Somers Town, en casas medio derruidas, sin más que los indispensables utensilios de cocina, casi sin sillas”). Éstes non tardaron moito en trasladar ao barrio londinense algunhas costumes patrias. O paseo, que soían facer polos alrededores de Euston Square e da igrexa de San Pancrass, ou a charla á sombra dunha árbore, no camiño de Somers Town, que pasado o tempo será bautizada como árbore de Guernika. Tamén celebraban tertulias, polas noites na casa de Agustín Argüelles ou na Librería de Salvá, e unha vez ao mes no British Coffee House. Neste barrio español os gardas nocturnos daban as horas en castelán e tendeiros e criados estaban familiarizados co idioma dos emigrados.

Os liberais españois recibiron mostras de apoio de diversos sectores: desde os xoves románticos como os "Apóstoles" de Cambrigde, a poetas como Percy Byshe Shelley -autor da Oda á liberdade, dedicada á revolución española-, Thomas Campbell, director do New Monthty Magazine e autor da Spanish patriots´song, e, por suposto, da clase política, especialmente os radicais como John Cartwright, anque non faltaron apoios incluso desde as filas do conservadurismo, sendo o caso máis coñecido o de Lord Wellington, que mantiña unha estreita amistade co xeneral Álava, quen serviu ás súas ordes na batalla de Waterloo, e co xeneral Francisco Espoz y Mina, a figura políticamente máis prestixiosa entre os emigrados españois.

Lloréns, Vicente, Liberales y románticos. Una emigración española en Inglaterra (1823-1834)

martes, 6 de diciembre de 2011

Robert Boyd: a paixón pola liberdade

Un pobo glorioso vibraba de novo / iluminando as nacións: a Liberdade / de corazón a corazón, de torre a torre, sobre España / esparciendo un lume contaxioso sobre o ceo / brillaba...

Percy Bysshe Shelley

A mañán do 11 de decembro de 1831 José María de Torrijos e os seus compañeiros eran fusilados na praia malagueña de El Bulto, logo de ver fracasado un novo levantamento contra o réxime absolutista de Fernando VII. Era ésta unha intentona máis das ducias promovidas polos liberais ao longo deste tráxico e nefasto reinado.

Cando en 1823 o exército dos Cen Mil Fillos de San Luis pon fin ao curto período constitucional do Trienio, unha morea de liberais emprende o camiño ao exilio. Inglaterra é o único país disposto a acollelos. Os emigrados, moitos dos cales combateran ao lado dos ingleses durante a Guerra da Independencia, son ben recibidos e a súa causa cala en amplos sectores da opinión pública.

Durante a súa estancia en Inglaterra unha gran parte dos españois habitaron no barrio londinense de Somers Town, onde algúns sobrevivían gracias aos subsidios do goberno inglés e outros adicábanse as máis variadas e curiosas ocupacións.

Non tardaron moito os emigrados en retomar as actividades políticas. Liderados por figuras prominentes, como os xenerais Francisco Espoz y Mina e José María de Torrijos, e apoiados económicamente por banqueiros como Juan Álvarez Mendizábal, os emigrados reuníanse en lugares como a London Tavern, baixo a estreita vixiancia das autoridades inglesas e do espionaxe español.

Ademáis do comité de axuda, constituído polo goberno inglés para manter aos emigrados, os españois contaron coa desinteresada colaboración de xoves intelectuais e poetas, especialmente os coñecidos como os “Apóstoles” de Cambridge, como John Sterling, Alfred Tennyson, John Kemble ou Richard Chevenix Trench, que, ademáis do entusiasmo que despertou neles o descubrimento da literatura española, crían ver na figura do exiliado, perseguido pola súa loita contra a tiranía, a encarnación do heroe romántico. Eran os tempos nos que outro poeta romántico como Lord Byron morría en Grecia en defensa da liberdade.

Robert Boyd era un deses xoves. De volta da India, onde servira como oficial na Compañía das Indias Orientais, e de Grecia, onde loitara tamén na guerra da independencia, entra en contacto con Torrijos e pon a disposición deste a pequena fortuna que acababa de herdar, para fletar un navío e organizar unha expedición a España. Os plans son abortados pola policía británica, informada polo embaixador español. Pero as esperanzas dos conxurados manténse vivas.

No verán de 1830, as noticias chegadas de Francia acerca do triunfo da revolución de xullo, alimentan as esperanzas dos emigrados españois que, alentados polo novo monarca, o liberal Felipe de Orleáns, se desplazan ata a fronteira dos Pirineos, onde se concentrarán, ás ordes do xeneral Mina, cerca dun millar de voluntarios españois -entre os que se atopaba o poeta Espronceda-, franceses, italianos, para intentar a entrada no país e provocar alí un levantamento xeneralizado. As columnas de Mina chegan ata Vera de Bidasoa, pero o hostigamento das tropas realistas e o novo xiro do goberno francés, para quen os liberais supoñen agora un aliado incómodo tralo recoñecemento do seu réxime por Fernando VII, fan fracasar a expedición. Os emigrados son recluídos polas autoridades francesas en depósitos situados en lonxanas provincias. Outros volven a Inglaterra. Torrijos, sen embargo, na compaña dun pequeño grupo duns cincuenta homes, entre os que se figura Robert Boyd, decide emprender a viaxe cara a Gibraltar e levar a cabo un desembarco nas costas españolas que sirva de acicate as forzas liberais do interior. Alí se lle suman outros amigos, como Flores Calderón -antigo presidente das Cortes-, Trench e Kemble, anque éstes dous retornarán a Inglaterra ao cabo duns meses.

Entre o outono de 1830 e o verán do ano seguinte Torrrijos realíiza varios intentos infructuosos para provocar o alzamento das tropas nas provincias de Andalucía. Finalmente, un misterioso contacto español, co alcume de Viriato, lle fai concebir esperanzas dun apoio masivo das guarnicións de Málaga. En realidade, tratábase dun plan orquestado polo gobernador de Málaga, Gómez Moreno, co obxectivo de capturar a Torrijos. O pequeño grupo, capitaneado polo xeneral, sae de Gibraltar o 30 de novembro de 1831 e desembarca dous días despóis na praia de El Charcón, en Fuengirola, onde son sorprendidos por unidades de voluntarios realistas, que lles obrigan a retirase cara o interior e buscar refuxio nunca alcaría. Alí os homes de Torrijos son cercados durante cinco días. As negociacións entre o gobernador Gómez Moreno e Torrijos conclúen coa rendición de grupo, que é conducido a Málaga. Unha orden do rei insta a proceder á inmediata execución dos detidos, obviando os procedementos legais. O Cónsul inglés, William Mark, intenta sen éxito salvar a Boyd. Torrijos encabeza a carta que escribe á súa muller coas palabras: “Voy a morir”.

No famoso cadro de Antonio Gisbert, podemos recoñecer a Torrijos, vestido con levita, a Flores Calderón, cos ollos vendados, a Fernández Golfín, antigo ministro de Guerra, ao tenente coronel López Pinto e a Boyd, o home de pelo roxo.

Trala execución, os cadáveres son enterrados nunha fosa do cemiterio de San Miguel, a excepción de Boyd, cuios restos foron depositados nalgún lugar das praias de El Palo, ata que o cónsul inglés obtén o permiso necesarios para abrir un cemiterio protestante en Málaga, a onde é conducido finalmente o seu cadáver.

Helos allí: junto a la mar bravía

cadáveres están, ¡ay!, los que fueron
honra del libre, y con su muerte dieron
almas al cielo, a España nombradía.

Ansia de patria y libertad henchía
sus nobles pechos que jamás temieron,
y las costas de Málaga los vieron
cual sol de gloria en desdichado día.

Españoles, llorad; mas vuestro llanto
lágrimas de dolor y sangre sean,
sangre que ahogue a siervos y opresores,

Y los viles tiranos, con espanto,
siempre delante amenazando vean
alzarse sus espectros vengadores.

José de Espronceda

http://www.elpais.com/articulo/andalucia/MALAGA/MALAGA_/MUNICIPIO/ingles/murio/fusilado/defender/libertad/Espana/elpepuespand/20000801elpand_29/Tes

jueves, 1 de diciembre de 2011

O discurso indixenista nas Cortes de Cádiz: Dionisio Inca Yupanqui

Douscentos anos despóis da aprobación da Constitución de 1812, A Pepa, aínda non se ten valorado suficientemente a contribución dos deputados americanos aos debates das Cortes de Cádiz. Enfrascada nos seus problemas internos e ameazada polas tropas de ocupación francesa, España non foi quen de abordar coa xenerosidade que requerían as circunstancias a chamada cuestión americana.

Interesante en moitos aspectos, en particular a inclusión dos antigos territorios das Indias e os seus habitantes no corpo da nación española -nada máis significativo que o abandono do caduco termo de Indias polo de América-, a lexislación gaditana amosouse moi cativa en relación ás xustas demandas que os coloniais presentaron nas Cortes, feito que se corresponde co descoñecemento xeral que os deputados españois amosaron sobre a realidade colonial.

Ademáis, os territorios ultramarinos contaron cunha representación política moi pequena. Así, en 1810 o número de deputados do continente era de 27, fronte aos 72 da Península.

Entre os representantes americanos, elexidos entre os naturais do continente residentes en Cádiz, destacan figuras como a do guatemalteco Manuel de Llano, que propuxo a igualdade de representación (“esta providencia podría calmar los ánimos y restablecer la unión; porque los movimientos de insurrección en aquellos países no son por quererse separar, sino por el deseo de recobrar sus derechos”), o tamén guatemalteco, o coengo Antonio Larrazábal, que afirmaba o dereito dos americanos a opoñerse ás leis que se aprobasen sen o seu consentimento, e que para ser cidadán non se opuña “al defecto de nacimiento adulterino, sacrílego, incestuoso, ni el de dañado y punible ayuntamemiento”, o cal entrañaba extender os dereitos civís e políticos a unha gran maioría da poboación do continente. E o peruano Dionisio Ucho Inca Yupanqui, unha das escasas voces do indixenismo que se escoitaron nas Cortes e cuias propostas provocaron as virulentas reaccións dos deputados.

Anque algúns sitúen en Lima, no ano 1760, o seu lugar de nacemento, é probable que fose orixinario de Cusco. Hai quen afirma que era neto do Inca Huayna Cápac, o último emperador do Perú. O certo é que procedía dunha familia de militares. Cando o seu pai é trasladado a España, Dionisio ingresou no Seminario de Nobles de Madrid, onde se respiraba un ambiente intelectual ilustrado. En 1774 recibe o nomeamento de cadete dos Reales Guardias de Infantería e nos anos seguintes intervén en varias accións de guerra: Arxel (1778), Xibraltar (1780), Pensacola (1781), obtendo o grao de tenente coronel en 1787. É entón, “coa saúde quebrantada”, cando solicita o retiro, adicándose a partir deste momento a actividades comerciais.

Con motivo da elección a Cortes, en setembro de 1810, é designado deputado suplente por Perú e participa activamente nos debates. Entre as iniciativas promovidas polos deputados americanos destaca a presentación, o 14 de decembro dese mesmo ano, de 11 artículos que reunían as principais aspiracións dos crioulos, como a igualdade na representación política, de empregos e algunhas liberdades económicas, que foron aprobados en xaneiro de 1811. As Cortes tamén suprimiron o tributo indíxena, os servizos forzados como a mita e os castigos corporais.

Pero en xeral, as posturas dos deputados peninsulares con respecto ás reivindicacións dos americanos, tanto por parte dos servís como dos liberais, movíanse entre o paternalismo ata actitudes claramente racistas, e así, mentres García Quintana denunciaba o sufrimento de “esos pobrecitos indios”, outros, como o deputado sevillano Valiente, negábanlle o dereito ao voto, afirmando que “el indio es incapacitado, estúpido y legalmente menor”. Todo o cal se corresponde co descoñecemento xeral que os deputados españois amosaron sobre a realidade colonial.

A intervención central Dionisio Inca Yupanqui nas Cortes produciuse o 16 de decembro de 1810, cando le o famoso discurso que arracaron o aplauso entusiasta da cámara. Tres rasgos permiten caracterizalo ideolóxicamente: igualitarismo, indixenismo e conservadurismo relixioso.

“Señor, Diputado suplente por el virreinato del Perú, no he venido á ser uno de los indivíduos que componen este cuerpo moral de V.M. para lisonjearle, para consumar la ruina de la gloriosa y atribulada España, ni para sancionar la esclavitud de la virtuosa América, He venido sí, á decir á V.M. con el respeto que debo y con el decoro que profeso, verdades amarguísimas y terribles si V.M. las desestima; consoladoras y llenas de salud, si las aprecia y las ejercita en beneficio de su pueblo. No haré, Señor, alarde ni ostentación de mi conciencia; pero sí diré que reprobando esos principios arbitrarios de alta y baja política, empleados por el despotismo, solo sigo los recomendados por el Evangelio de V.M. y yo profesamos. Me prometo, fundado en los principios de equidad que V.M. tiene adoptados, que no querrá hacer propio suyo este pecado gravísimo de notoria y antigua injusticia en que han caido todos los Gobiernos anteriores: pecado que en mi juicio es la primera ó quizá la única causa por que la mano poderosa de un Dios irritado pesa tan gravemente sobre este pueblo nobilísimo, digno de mejor fortuna. Señor, la justicia divina protege á los humildes, y me atrevo á asegurar á V.M., sin hallarme ilustrado por el espíritu de Dios, que no acertará á dar un paso seguro en la libertad de la Pátria mientras no se ocupe con todo esmero y diligencia en llenar sus obligaciones con las Américas: V.M. no las conoce. La mayor parte de sus Diputados y de la Nación apenas tienen noticia de ese dilatado continente. Los Gobiernos anteriores le han considerado poco, y solo han procurado asegurar las remesas de este precioso metal, orígen de tanta inhumanidad, del que no han sabido aprovecharse. Le han abandonado al cuidado de hombres codiciosos é inmorales; y la indiferencia absoluta con que han mirado sus más sagradas relaciones con este país de delicias, ha llenado la medida de la paciencia del Padre de las misericordias, y forzándole á que derrame parte de la amargura con que se alimentan aquellos naturales sobres nuestras provincias europeas. Apenas queda tiempo ya para despertar del letargo y para abandonar los errores y preocupaciones hijas del orgullo y vanidad. Sacuda V.M. apresuradamente las envejecidas y odiosas rutinas, y bien penetrado de nuestras presentes calamidades son el resultado de tan larga época de delitos y prostituciones, no arroje de su sena la antorcha luminosa de la sabiduría, ni se prive del ejercicio de las virtudes. Un pueblo que oprime a otro no puede ser libre. V.M. toca con las manos esta terrible verdad. Napoleón, tirano de Europa, su esclava, apetece marcar con este sello á la generosa España. Esta, que lo resiste valerosamente, no advierte el dedo del Altísimo, ni conoce que se le castiga con la misma pena que por tres siglos hace sufrir á sus inocentes hermanos. Como Inca, Indio y Americano, ofrezco á la consideración de V.M. un cuadro sumamente instructivo. Dígnese hacer de él una comparada aplicación, y sacará consecuencias muy sabias é importantes. Señor, ¿resistirá V.M. á tan imperiosas verdades? ¿Será insensible á las ansiedades des sus súbditos europeos y americanos? ¿Cerrará V. M. ojos para no ver con tan brillantes luces el camino que aun le manifiesta el cielo para su salvación? No, no sucederá así; yo lo espero lleno de consuelo en los principios religiosos de V.M. y en la ilustrada política con que procura señalar y asegurar sus soberanas deliberaciones.”

Dionisio Inca Yupanqui foi ignorado pola historiografía, e a súa defensa da liberdade dos escravos negros provocaría a oposición enconada dos deputados conservadores, que intentaron excluilo dos debates, apoiándose no feble argumento da súa condición de deputado suplente.

O seu rastro pérdese en 1813. Pero en 1816, durante o Congreso de Tucumán, en medio das discusións sobre a forma de goberno máis convinte para as Provincias Unidas de Sudamérica, o xeneral Manuel Belgrano e os partidarios da monarquía constitucional, propuxeron a restauración da dinastía inca (“tan inicuamente despojada del trono”), e son varios os investigadores que sinalan a Dionisio Inca Yupanqui como candidato ideal para ocupar o trono, dado o prestixio acadado en Cádiz e a súa ascendencia real.

Outro deputado americano foi o portorriqueño Ramón Power y Giralt, cuxas cinzas viaxan estes días de volta á súa patria a bordo do buque Juan Sebastián Elcano .

Máis noticias sobre éste en:
http://www.elmundo.es/especiales/2009/07/espana/constitucion/actualidad/reportajes/ramon_power.html
e no programa radiofónico Polvo eres: http://www.rtve.es/alacarta/audios/polvo-eres/polvo-eres-traslado-ramon-power-11-04-11/1070491/