Mostrando entradas con la etiqueta Sopiñas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Sopiñas. Mostrar todas las entradas

lunes, 6 de febrero de 2012

Unha de bandoleiros... (II)

No panorama do bandoleirismo galego do século XIX a gavela capitaneada por Manuel de la Cruz Sopiñas na comarca de Ferrol representa un caso singular, máis próximo ao hampa urbano que ás tradicionais actividades delictivas das gavelas que actuaban nas zonas rurais.

De orixes humildes, Manuel de la Cruz instálase en Ferrol procedente de Lugo a principios de século. Traballa como aprendiz nunha xastrería e percorre as feiras traficando coas mercadurías do seu patrón. Os seus escasos recursos apenas lle daban para alimentarse con míseras sopas, e de ahí lle veu o seu alcume.

Ao cabo duns poucos anos rexenta unha taberna en Ferrol e adícase ao arrendo de viños e carnes, non tardando moito en converterse nun dos máis opulentos comerciantes da cidade, con propiedades tanto no centro como nas aforas da cidade. Esta prosperidade tiña a súa orixe nas accións ilícitas que comeza a desenvolver na compaña dun grupo de incondicionais, entre os que se contaban Miguel Rodríguez, Victorio e Luis de la Peña, José Vicente Prieto, Juan Nepomuceno Fernández Juan das Peras, Manuel Mariño.

A banda, formada por máis de cen individuos, posuía unha complexa e enmarañada estrutura, onde o vínculos familiares e un oscuro pacto de natureza supostamento demoníaco denominado a Compañía do gangueo, aseguraban o silencio. Aparte do núcleo central, a gavela dispuña dun grupo que levaba a cabo os atracos capitaneado por José Rodríguez Serantes.

Entre 1823 e 1835 a gavela comete preto de cen roubos nos concellos de Ferrol, Fene, Mugardos, Cabanas e As Pontes. A impunidade quedaba garantizada pola complicidade de autoridades e xuíces. O grupo contaba, ademais, cunha rede de informadores e colaboradores, como o celador das portas de Ferrol, o xamoneiro Juan Lino Román, que coñecía moitas casas, ou o sarxento de voluntarios realistas Antonio Solís.

A disolución da gavela foi resultado do azar, mais que á discutible actuación das forzas de seguridade, daquela en mans dos voluntarios realistas. O enfrontamento no seo da gavela polo reparto dun botín resolveuse coa morte, a mans de Sopiñas, do bandoleiro Manuel Mariño, cuio cadáver apareceu no foso do Arsenal. A viúva denunciou os feitos e o gobernador militar de Ferrol, Tomás Zumalacárregui, que pouco tempo despois convertiríase nun afamado xeneral do exército carlista, logrou deter ao cabecilla nunha fonda.

A historia non remata aquí, pois o famoso bandoleiro, condenado á morte, sería obxecto, durante a súa prisión no castelo de San Felipe, dun misterioso intento de envelenamento cuia autoría atribúese a importantes personaxes locais que pretenderían evitar verse involucrados polo Sopiñas nos seus negocios. O traslado da causa á xurisdicción civil libroulle da morte, sendo condenado a unha longa pena de cárcere no presidio de Ceuta.

González-Llanos, S., Las andanzas del Sopiñas. Capitán de una gavilla de bandoleros ferrolanos, Ferrol, 2002

jueves, 2 de febrero de 2012

Unha de bandoleiros... (I)

O fenómeno do bandoleirismo estivo amplamente extendido en España ao longo do século XIX, anque na memoria colectiva cobren especial significación certas paisaxes, como Serra Morena ou a Serranía de Ronda, e certos nomes, como José María El Tempranillo, los siete niños de Écija ou Andrés López, el barquero, que inspirou a personaxe televisiva de Curro Jiménez.

Galicia ofrece un cadro distinto ao modelo clásico andaluz, onde o bandido é unha figura heróica, xenerosa e admirada pola comunidade; bandoleirismo que encaixa á perfección co tipo de "bandoleirismo social". O galego é un bandoleirismo case inominado, que apenas deixa lembranza na memoria popular, a excepción dalgúns nomes, como Manuel Balseiro -mencionado por Baroja en La casa del crimen-, Mamede Casanova, o derradeiro bandoleiro galego -a quen Valle-Inclán retratou con simpatía-, ou o ferrolán Manuel de la Cruz Sopiñas.

A violencia xusticieira do bandoleirismo semella gratuita e brutal no caso galego; é frecuente a ritualización da matanza do porco ou as torturas sexuais. O bandoleiro e, polo tanto, unha figura odiada e os seus latrocinios espertan a solidaridade dunha comunidade que condena os delictos que atentan contra a propiedade. Aínda que os obxectivos son variados, abundan os roubos ás rectorais. Isto explica o aspecto de casas fortes que presentan, con grosos muros e troneiras, e tamén que o arcebispo de Santiago solicite ao Gobernador da Coruña permiso para que os párrocos podan utilizar armas de fogo.

O caldo de cultivo no que se nutriu o bandoleirismo foi a Guerra da Independencia. As dificultades da posguerra, a crise política case permanente, a inseguridade creada polas partidas realistas, o estancamento das estruturas productivas, a gravosa fiscalidade -os temidos "trabucos"-, e as crises de subsistencia provocan un aumento da marxinalidade nos sectores rurais máis desfavorecidos, de onde proceden a maioría dos membros que integran as gavelas, que devastan con periódica regularidade tanto as facendas dos máis pudentes como as casas dos labregos.

"En los años 10 y 11 [numerosas gavelas] espantaron no pequeña parte de la población con sus atrocidades, violentos robos, crueles y sacrílegas muertes dadas con los trabucos y carabinas de que solían armarse a personas de ambos sexos y estados. Esta inhumana milicia era compuesta de crecido número de individuos, hombres y mujeres, unos ejecutores, otros receptadores y alcahuetes, capitaneados de los más valerosos y atroces, cuyos motes adquiridos por sus hazañas por sí solos causas espanto: el Tigre, el Fiero, el Fibillas, el Pirillas, el Demo vivo, y así otros..." (Saurín de la Iglesia, Rosa Mª, Apuntes y documentos para una Historia de Galicia en el siglo XIX, A Coruña, 1977).

Que o bandoleirismo aínda seguía vivo nos anos trinta próbao a observación que fai George Borrow (Jorgito el inglés) na súa obra A Biblia en España: "los caminos de Galicia estaban infestados de ladrones y carlistas que cometen todo género de atrocidades".

As gavelas contaban con redes de confidentes que lles informaban dos obxectivos máis atractivos. E ademáis, receptadores e alcaiotes, moitas delas mulleres, encargábanse de vender o botín nas feiras e mercados.
A actividade bandoleira é intensa na primeira metade de século. A partir da segunda metade diminúe considerablemente debido á estabilidade política, á unha maior eficacia na represión da criminalidade -creación da Garda Civil- e ao conxunto de reformas administrativas emprendidas polos gobernos liberais.

López Morán, Beatriz, El bandolerismo gallego en la primera mitad del siglo XIX, Ediciós do Castro, 1995