A piqueta inmisericorde da ignorancia e da cobiza lévase nestes días outro anaco máis da historia de Ferrol: a vella Fábrica de Lapis. A visión perturbada que a sociedade, e moi en especial os nosos representantes políticos, teñen do progreso impídenlles comprender esas sabias palabras que un día deixou dito Miguel Delibes: "todo cuanto sea conservar el medio es progresar; todo lo que significa alterarlo esencialmente, es retroceder". Outro escritor lúcido como Antón Cortizas adica á Fábrica estas fermosas palabras que transcribo a continuación:
"Era moi cedo cando dende Canido, Esteiro, Caranza, dende a Madalena, Ferrol Vello ou Serantes... dende toda a contorna desta cidade latente, escoitábanse as sereas das fábricas naqueles tristes anos de despois da posguerra : Pemsa, Pysbe, Bazán, Fenya, Hispania, Arsenal... Para os que agora somos adultos e daquela eramos aínda pequenos, as sereas eran apenas unha música monótona que non nos sacaba o sono, mais que si nos encamiñaba na difícil tarefa de existir como infantes, como familias, como cidadáns. Era o anuncio dunha nova xornada laboral, era o aviso dun novo día de traballo desta fabril cidade que presumiu e presume de ser ilustrada.
Hoxe as sereas calaron, porque se supón que non hai ninguén que non teña un despertador ou máis preto da orella. As fábricas mudaron ou pecharon e quedaron apenas os edificios dalgunhas delas, como cadaleitos tristes e abandonados non só polos que todo o abandonan, senón tamén polos que se cría que tiñan que ser ilustrados e, por tanto, coidadores do patrimonio común e non o fan. Talvez isto ocorra porque de certo as sereas calaron hai tempo, e non posúen un despertador suficientemente potente que lles desperte a conciencia da cidadanía, da ilustración, do respecto ao patrimonio, tanto material coma inmaterial.
Un deses emblemáticos edificios fabrís é este da Fábrica de Lapis. Este onde antano se fabricaron mazos e mazos de lapis non só para nós e para os nosos, senón que, competindo coa lapisaría máis poderosa, chegaban a moitos recunchos do mundo. Hai bastantes anos que neste edificio se apagaron os latidos das máquinas que lle poñían á madeira un corazón de grafito que escribiría contas, ditados, anotamentos, recados, poesías...
Nas madrugadas proletarias a cheminea da fábrica de lapis comezaba a escribir no ceo de Ferrol todas as historias imaxinábeis, todas as palabras que os cativos e as cativas escribiamos con aquelas pequenas mans trémulas e inocentes. Os lapis de carpinteiro, de pel vermella e corpo ovalado, os lapis de copia, que mollabamos con cuspe antes de escribir con eles, e, en fin, os lapis de cores da fábrica chegaban a todas partes, en todas partes, aqueles dous monifates collidos das mans, o símbolo dunha industria peculiar... daban cor a aquela triste época da ditadura manchada de morte e de silencio. Tal era a presenza nas nosas vidas dos lapis de Johan Sindel ou Hispania que o seu cheiro inconfundíbel que emanaba cando o afialapis revivificaba a súa punta de grafito quedará gravado nas nosas memorias; o exótico cheiro a cedro americano, aquela acastañada, branda e cálida madeira que envolvía a mina dos nosos primeiros escritos. Queridos lapis, queridos plumíns aqueles, cos que sangrábamos con tinta azul nos cadernos esborranchados as primeiras ilusións infantís daquelas crianzas nacidas naquela época escura. Aquelas crianzas que sabiamos aproveitar mesmo os plumíns que nos esgallaban, se non os esgallabamos adrede, para facermos uns dardos aos que chamabamos espichaportas...
Mais o tempo pasou e mudou, para ben e para mal. A Fábrica de Lapis ergue a súa cheminea, símbolo dunha época e dun proceso industrial, xa histórico, querendo escribir agora apenas coa mina do vento, un epitafio que esta cidade descastada lle provoca. Ferrol, pobre cidade empeñada en borrar os seus signos positivos de identidade: a arquitectura fabril, da que unha boa mostra é este derrotado edificio, é un orgullo noutras cidades. Aquí, preténdese que a Fábrica de Lapis siga o camiño do Baluarte de Canido, que no ano 1976 foi reducido a entullo, salvándose apenas unha mínima parte do mesmo; ou o derrotado Castelo de San Filipe, que se salvou polos pelos, ou tantos e tantos fermosos edificios do barrio da Madalena, que foron substituídos por modernos adefesios.
Ferrol, cidade empeñada en chamarse ilustrada sen dar mínima mostra de respecto e de valoración polo propio, parece ignorar que a Ilustración non se pode comprar con diñeiro, mais si con estudo, con aprendizaxe, con adquisición e, sobre todo con aplicación do que se sabe nos comportamentos da vida diaria.
Deses ilustrados que apenas son capaces de ver e de admirar o lustre das moedas, para os que só o diñeiro ten valor, para os que a cheminea da fábrica de lapis non é, non era, un xigantesco lapis que escribiu co fume do grafito a aventura industrial dunha cidade que sempre puido ser algo digno, mais que aínda non atinxiu a dignidade de ser respectada polos seus propios habitantes.
Quen sexa que teña nas súas mans o futuro inmediato do edificio Hispania, o dos monifates dos lapis, talvez apague este símbolo do que, non sendo xa fábrica de lapis, si puido ser un lugar onde as xentes puidesen realizar algúns dos seus soños, dándolle ao edificio unha función ilustrada, a que a imaxinación dos ferroláns ilustrados, que si que os hai, lle puidesen asignar.
Quen sexa que sexa... que deixe que a cheminea da Fábrica de Lapis siga escribindo os soños de grafito que aínda non se nos cumpriron, usando agora a caligrafía da brisa mariña e o suave papel das nubes atlánticas.
E se non, que escriba co lapis da ignorancia, cen veces, non, mil veces, cen mil veces:
Nunca volverei destruír o patrimonio arquitectónico de Ferrol.
Nunca volverei destruír o patrimonio arquitectónico de Ferrol.
Nunca volverei destruír...
Nunca volverei destruír o patrimonio arquitectónico de Ferrol.
Nunca volverei destruír o patrimonio arquitectónico de Ferrol.
Nunca volverei destruír...
Que os lapis que olen a cedro, sempre presente, nos traian á memoria o aroma de que Ferrol
pode ser unha cidade máis culta, máis respectuosa co patrimonio material e inmaterial, máis ilustrada, en fin".
pode ser unha cidade máis culta, máis respectuosa co patrimonio material e inmaterial, máis ilustrada, en fin".
Antón Cortizas
No hay comentarios:
Publicar un comentario