lunes, 19 de noviembre de 2012

A primeira folga xeral: ¡Asociación ou Morte!

A primeira folga xeral que se rexistra na historia de España produciuse durante o reinado de Isabel II en Cataluña, nos primeiros días de xullo de 1855.
A orixe do conflicto foi unha protesta “luddita” dos traballadores da industria téxtil, que se opúñan á  introducción das selfactinas (do inglés self-actselfactinasing), as novas máquinas de fiado que abarataban costes de producción e suprimían postos de traballo. As movililizacións, que comezaran o ano anterior, radicalizáronse con motivo da execución do lider obreiro Josep Barceló Casadó. Este fiandeiro, nado en Mataró (Maresme) en 1824, opúxose ao fronte do sector máis extremista da "Sociedad de Protección Mutua de Tejedores de Algodón" que conseguiu que o capitán xeral de Catalunya, Ramón de la Rocha, prohibira as máquinas.
As protestas motivaron as disposicións tomadas polo novo Capitán Xeral, Juan Zapatero y Navas, disolvendo as asociacións obreiras e poñendo baixo a lei marcial as ata o de agora legais asociacións de socorros mutuos e tamén a  «todo el que directa o indirectamente se propasase a coartar la voluntad de otro para que abra sus fábricas o concurra trabajar en ellas, si no accede a las exigencias que colectivamente se pretenda imponer”.
execución de Josep Barceló

Baixo os lemas “Pan e Traballo” e “Asociación ou Morte”, a folga durou desde o 2  ata o 11 de xullo. Os obreiros esixían o recoñecemento do dereito de asociación, melloras salariais e reducción da xornada laboral.
O periódico liberal La Corona de Aragón, daba conta, o día 4 de xullo dos sucesos: 
En un día y a una hora dada han cesado los trabajos en todas las fábricas de Cataluña, y cien mil hombres se han lanzado a la calle pidiendo 'pan y trabajo' y gritando 'asociación o muerte' (…)
¿Qué es lo que piden esas inmensas masas de trabajadores que pueblan nuestras calles, sin manifestarse hostiles sin embargo, sin insultar a nadie, debemos decirlo en su favor, sin propasarse a nada? El derecho de asociación. Piden también que se fijen de un modo estable las horas de trabajo y que se constituya un gran jurado de amos y obreros que arreglen buenamente las discordias que entre ellos se susciten. (...)
Unha Comisión de Traballadores intentou inútilmente reunirse en Madrid co Rexente, o xeneral Espartero. Mentres, en Barcelona, as autoridades procedían á represión: cárcere, tortura e deportación a Cuba. O 9 de xullo a cidade era tomada militarmente e o día 11 o movemento é definitivamente aplastado.
Nos meses seguintes, a presión non diminuiu. Todo o contrario. Tralo breve paréntese progresista do Bienio, o regreso da burguesía conservadora, representada polos unionistas de O`Donell e os moderados de Narváez e González Bravo, supuxo un aumento da presión sobre o movemento obreiro, que entrou nunha etapa de clandestinidade.
Bibliografía: Laso Prieto, J.M., Historia del movimiento obrero en España http://www.nodulo.org/ec/2006/n052p06.htm

sábado, 17 de noviembre de 2012

Manuel Pardo de Andrade: semblanza dun crego liberal

O século XIX español é particularmente rico en personaxes novelescas, biografías que serviron de inspiración aos autores da época, que deste xeito foron alimentando a lenda daqueles heroes románticos enfrontados ao invasor francés e aos poderes do Antigo Réxime que ameazaban as recén conquistadas libertades.

Manuel Pardo de Andrade podía ser unha delas. A súa vida transcurriu paralela aos grandes cambios cos que se abre o século. O espíritu crítico, unha arraigada crenza na liberdade e o fervor patriótico son algúns dos rasgos da personalidade desde freire agostiño exclaustrado, que foi, ademáis, un dos precursores do periodismo en Galicia.

O seu lugar de nacemento foi Xaz, no concello de Oleiros (A Coruña), e o ano do suceso 1760. Estudiou no convento dos agostiños de Santiago de Compostela, onde foi ordeado. En Salamanca formouse en Teoloxía e Filosofía. Viaxou a Roma, onde continuou os estudos e solicitou a secularización, alegando motivos de saúde. De volta na Coruña adxudicoúselle a parroquia de San Xurxo, e posteriormente exerceu de capelán do Exército.

En vésperas do levantamento anti-francés, e xa retirado, vémolo adicado ao oficio periodístico; fundou o primer periódico da cidade -o segundo de Galicia-, o Diario de La Coruña, baixo o patrocinio da Junta del Reino de Galicia, co obxectivo de estimular o espíritu patriótico e, ao tempo, difundir os principios constitucionais. Tamén escribe con Antonio Peña e Marcelino Calero, director da Fábrica de Tabacos, nas páxinas de El Ciudadano por la Constitución.

Naquela época coñeceu na Coruña, onde rematara unha viaxe pola Península, ao poeta británico Robert Southey, autor do popular conto Os Tres Osos, que declarou a súa admiración pola obra de Manuel Pardo.

O ambiente intelectual que reinaba na Coruña -con figuras como Lucas Labrada, Valentín de Foronda ou Antonio Peña- e a temprana aparición da prensa non seían posibles sen a complicidade dunha poderosa burguesía -moita dela foránea-, enriquecida polo auxe comercial que vive o porto desde o último terzo do século XVIII e cuia crise, agudizada pola emancipación das colonias, foina afastando políticamente das posicións reformistas para achegarse a solucións claramente liberais.

Na cidade tamén prendeu pronto a masonería, sendo ésta lugar de orixe dunha das primeiras loxias de España, a Logia Constitucional de la Reunión Española, que se reunía no Café de la Esperanza , na rúa Real. O local foi ponto de encontro tamén dun grupo liberal coñecido como Club de la Esperanza ou de los Jacobinos, onde atopamos a representantes de destacadas familias comerciais e cuias actividades despertaron as sospeitas da Inquisición, que as procesou. Entre elas estaban Pedro de Llano, “primera cabeza del Club”, Valentín de Foronda, “corifeo de los jacobinos, ateistas, deistas”, Marcelino Calero, “editor del periódico más impío y revolucionario que hay en todo el Reino”, (El Ciudadano por la Constitución), Marcial Francisco del Adalid “impío y republicano”, Juan Antonio de la Vega, “acérrimo demócrata y de los principales del Club”, Manuel Pardo de Xas, “impío y demócrata en sumo grado; autor de los folletos “Os rogos do gallego” y “El pueblo gallego no quiere la Inquisición”. Éste último era un dos alcumes de Manuel Pardo de Andrade. Outro foi o de León de Parma.

O Diario de La Coruña publicouse entre xuño de 1808, poco despóis do levantamento anti-francés, en xaneiro de 1809, cando, ante a chegada das tropas francesas -que se bateron cos británicos de sir John Moore na batalla de Elviña-, Manuel Pardo decide fuxir. Residiu durante un tempo en Londres. Á súa volta, libre xa a cidade da presencia francesa e por encargo da Junta del Reino, comeza a publicación do Semanario Político, Histórico y Literario de La Coruña e logo do Boletín Patriótico. Nesta época escribe tamén unhas Reflexiones sobre la mejor Constitución posible para España e unha crítica ao bispo de Ourense Pedro Quevedo y Quintano, destacado deputado de Cádiz e un dos máis furibundos representantes da facción servil nas Cortes.

Manuel Pardo é autor tamén dunha singular obra poética de tintes patrióticos, con títulos como Al combate de Trafalgar, A Lord Wellington, A la batalla de Arapiles, ademáis de numerosos informes e proxectos presentados ante o Real Consulado da Coruña e á Sociedad Matritense, e cuia temática abrangue desde o comercio ata a agricultura ou a navegación.

Máis éxito tivo "Os rogos de un gallego establecido en Londres, dedicado ós seus paisanos para abrilles os ollos sobre certas iñorancias e o demais que verá o curioso leutor", feroz sátira contra a Inquisición, publicada en Santiago en 1813, condenada polo arcebispo Rafael Múzquiz por contener proposiciones ímpias, falsas, obscenas, temerarias, inductivas al tolerantismo, sistema revolucionario e irreligioso, e do cal se ten dito: Mala era la Inquisición; pero los versos de Pardo de Andrade son indudablemente peores.

Coa volta de Fernando VII, Manuel Pardo emprende, como moitos outros liberais, o camiño do exilio. Nese tempo estableceuse en Londres para logo pasar a Francia, onde frecuentou a figuras sobresaíntes da emigración, como o conde de Toreno, ao xeneral Espoz y Mina e a súa esposa, a coruñesa Juana de Vega.

Pardo soubo conciliar os sinsabores do exilio coa aventura romántica que compartiu cunha cantante, Francisca Rosa Hardy, coa que tivo unha filla, Ángela, nacida en Dorneda. A parella permaneceu en Francia ata o triunfo do pronunciamento de Quiroga e Riego en 1820, movemento que tivo o seu eco na cidade da Coruña, onde contou co decisivo apoio da súa burguesía coruñesa.

De novo na cidade, Pardo reanuda a labor periodística coa publicación do Correo de la Diputación de La Coruña, pero a chegada das tropas dos Cen Mil Fillos de San Luis, que pon fin á curta experiencia liberal do Trienio, e leva novamente a Manuel Pardo e á súa familia a abadonar o país a retornar a Francia, onde finalmente morreu no ano 1832.

martes, 6 de noviembre de 2012

Os polvos da condesa (historia da quinina)

Corría o ano 1638 cando dona Francisca Enríquez de Rivera, Vicerreina del Perú e Condesa de Chinchón, contraiu as febres palúdicas. Os médicos non daban con remedio algún para curala; de nada parecían servir as cataplasmas que lle aplicaban, pois a febre persistía. Pero o vicerreina foi informada da existencia dun preparado elaborado coa cortiza do quino (Cinchona ledgeriana), unha árbore orixinaria das rexións andinas, utilizado desde tempo immemorial polos indíxenas para reducir a febre. O éxito do tratamento conveceu á vicerreina dos poderes terapéuticos da planta, que entre os seus compoñentes contén quinina ou cinchona, un poderoso alcaloide con propiedades antipiréticas, analxésicas e antipalúdicas.
debuxo da expedición Ruíz e Pavón

O médico do Vicerrei, Diego Carrasco, redactou un informe detallado coas cualidades curativas da planta, e así foise difundindo por Europa o seu coñecemento, pero o uso da quinina non se xeneralizou ata o século XIX.

En 1753 a planta foi descrita por Carlos Linneo, que a bautizou co nome de “Cinchona”, en honor da condesa, anque tamén seríacoñecida como "polvos da condesa" e "polvos dos xesuítas", pois a éstes tamén se lle atribuíu a súa difusión por Europa.

A árbore foi obxecto de estudo da expedición científica que, por encargo de Carlos III, e baixo a dirección dos botánicos Hipólito Ruíz, Joseph Dombey e José Pavón, recorreu Perú e Chile entre 1777 e 1778, recollendo e debuxando miles de exemplares, que foron a engrosar as coleccións do Xardín Botánico e do Gabinete de Historia Natural e froito da cal foron as obras Flora peruviana et chilensis e Quinoloxía o tratado del árbol de la quina.
 

jueves, 1 de noviembre de 2012

A Gran Redada


Non todo son luces na  brillante traxectoria da Ilustración española. Tamén houbo sombras que enturbiaron os logros do período. Unha delas, e non a menor, foi a persecución á que foi sometido o pobo xitano.

As causas atopámolas no afán uniformizador das políticas ilustradas, en prexuizos fondamente arraigados na sociedade española e constantemente avivados pola  Igrexa, na pervivencia dunha cultura e unhas formas de vida alonxadas das socialmente aceptadas  e no ambiente de inseguridade que reinaba no país, logo da Guerra de Sucesión, que se atribuiu en parte aos xitanos.

Esas eran as razóns que están detrás da "Gran Redada" ou "Prisión General de Gitanos", como se coñece a persecución decretada en 1749 por Fernando VI e inspirada polo seu ministro Zenón de Somodevilla, o famoso marqués de la Ensenada.

Extinción e exterminio son as palabras que se empregan para denominar  á operación (...y extinga si es posible esta generación) iniciada co máximo sixilo o 30 de agosto de 1749 e que estivo perfectamente coordenada en todo o territorio. As ordes establecían que tanto os Gobernadores como as autoridades locais se encargarían de deter aos varóns e trasladalos aos arsenais de Cartagena e Ferrol para traballar como man de obra forzada. As mulleres serían recluídas en prisións. En total foron arrestadas máis de 10 000 persoas.

Nos anos posteriores, a lexislación anti-xitana foise suavizando e en 1763 emitiuse o indulto. Influíntes ilustrados como Campomanes propuxeron extraditalos aos territorios insulares das colonias, como Cuba, Puerto Rico ou Juan Fernández, evitando expresamente a súa presenza no continente americano. Proxecto similar defendía o reformador Bernardo Ward, que plantexaba envialos preto do río Orinoco "para quitar de delante el mal ejemplo y evitar los perjuicios que causan".

O cambio de actitude con respecto á cuestión xitana será promovido por Carlos III, que en relación á redada de 1749 opinaba que: "hace poco honor a la memoria de mi hermano". Ilustrados como o conde de Floridablanca suliñaban o "contradictorio y aun inhumano o inicuo" que resultaba perseguir a ociosidade ao tempo que se prohibía a un grupo de españois o exercicio de certas actividades. Por iso recomendaba que se permitira aos xitanos, igual que aos chuetas ou xudeus maiorquinos, o dereito a traballar.

A Real Pragmática de 1783 -a mesma que suprimía toda consideración negativa que pesaba sobre os oficios mecánicos-, recollecía a igualdade de dereitos, a liberdade de residencia e o ingreso nos gremios. Prohibíase, ademáis, por ofensivo, o uso do termo "xitano" ou "cristián novo". Persistiron, sen embargo,  as restriccións con respecto ao emprego da súa gerigonza, a língua caló, ás vestiduras tradicionais, o nomadismo e a práctica de actividades moi vinculadas ao pobo xitano, como a chalanería ou trata de cabalos.

A discriminación continúa ata os nosos días. En Alemaña, setenta anos despóis do holocausto, o goberno acaba de recoñecer o xenocidio xitano cometido polos nazis, o Porrajmos, a "devoración" en língua romaní.

http://www.gitanos.org/upload/59/21/36AFondo.pdf