Mostrando entradas con la etiqueta masonería. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta masonería. Mostrar todas las entradas

viernes, 21 de diciembre de 2012

Juan Picornell: retrato dun conspirador

Juan Bautista Mariano Picornell y Gomila naceu en Palma de Mallorca en 1759. Home culto e inquieto, estudiou na Universidade de Salamanca, interesándose pola pedagoxía e a medicina. Imbuído do espírito de reforma que caracterizou o século, participou nas actividades da Sociedad Económica Matritense e ingresou nas filas da masonería.
Baixo o impacto da Revolución que acababa de estalar en Francia, fixo a primeira traducción da “Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán”, escribindo ademáis un "Discurso sobre los mejores medios de excitar y fomentar el patriotismo en una monarquía".

Isto demostra o fracaso dos ministos de Carlos IV que tentaron impedir que o influxo do proceso revolucionario se espallara polo noso país, creando un “cordón sanitario” para impermeabilizar a fronteira e dificultar a chegada de noticias e escritos relacionadas co movemento revolucionario.

Picornell concebiu un plan desatinado para derrocar ao monarca e proclamar unha República. A chamada “Conspiración de San Blas”, en Madrid, en febreiro de 1795, contou tamen coa participación de José Lax, Manuel Cortés, Bernardo Garaza, Juan Manzanares, Juan Pons e Joaquín Villalba, e coincidiu en Francia coa “Conspiración dos Iguais” que liderou Charles Babeuf. Fracasada a intentona, os participantes, despóis de conmutárselles a pena de morte, foron trasladados a América e encarcerados no castelo de San Carlos, en La Guaira (Venezuela).

Non remataron aquí as súas andanzas. Ao pouco de chegar, Picornell entrou en contacto cun grupo de masóns e patriotas americanos partidarios do establecemento dunha república independente, entre eles Manuel Gual e José María España. Con eles colaboraría Picornell no que sería o primeiro movemento de independencia da colonia, e na redacción do primeiro proxecto de Constitución.

Descubertos os plans polas autoridades españolas, Picornell marchou ás Antillas en 1797. Non pasou moito tempo antes de que volvera a preparar un novo levantamento, apoiando as iniciativas de Francisco Miranda para liberar Venezuela, proxecto para o cal contaban coa axuda económica de británicos e franceses. Triunfante temporalmente a insurrección, Miranda nomeono intendente da policía de Caracas. A reacción realista obrigou a Picornell novamente a fuxir. Buscou refuxio nos Estados Unidos, onde se adicou á medicina, e finalmente estableceuse en Cuba, onde morreu en 1825.

sábado, 17 de noviembre de 2012

Manuel Pardo de Andrade: semblanza dun crego liberal

O século XIX español é particularmente rico en personaxes novelescas, biografías que serviron de inspiración aos autores da época, que deste xeito foron alimentando a lenda daqueles heroes románticos enfrontados ao invasor francés e aos poderes do Antigo Réxime que ameazaban as recén conquistadas libertades.

Manuel Pardo de Andrade podía ser unha delas. A súa vida transcurriu paralela aos grandes cambios cos que se abre o século. O espíritu crítico, unha arraigada crenza na liberdade e o fervor patriótico son algúns dos rasgos da personalidade desde freire agostiño exclaustrado, que foi, ademáis, un dos precursores do periodismo en Galicia.

O seu lugar de nacemento foi Xaz, no concello de Oleiros (A Coruña), e o ano do suceso 1760. Estudiou no convento dos agostiños de Santiago de Compostela, onde foi ordeado. En Salamanca formouse en Teoloxía e Filosofía. Viaxou a Roma, onde continuou os estudos e solicitou a secularización, alegando motivos de saúde. De volta na Coruña adxudicoúselle a parroquia de San Xurxo, e posteriormente exerceu de capelán do Exército.

En vésperas do levantamento anti-francés, e xa retirado, vémolo adicado ao oficio periodístico; fundou o primer periódico da cidade -o segundo de Galicia-, o Diario de La Coruña, baixo o patrocinio da Junta del Reino de Galicia, co obxectivo de estimular o espíritu patriótico e, ao tempo, difundir os principios constitucionais. Tamén escribe con Antonio Peña e Marcelino Calero, director da Fábrica de Tabacos, nas páxinas de El Ciudadano por la Constitución.

Naquela época coñeceu na Coruña, onde rematara unha viaxe pola Península, ao poeta británico Robert Southey, autor do popular conto Os Tres Osos, que declarou a súa admiración pola obra de Manuel Pardo.

O ambiente intelectual que reinaba na Coruña -con figuras como Lucas Labrada, Valentín de Foronda ou Antonio Peña- e a temprana aparición da prensa non seían posibles sen a complicidade dunha poderosa burguesía -moita dela foránea-, enriquecida polo auxe comercial que vive o porto desde o último terzo do século XVIII e cuia crise, agudizada pola emancipación das colonias, foina afastando políticamente das posicións reformistas para achegarse a solucións claramente liberais.

Na cidade tamén prendeu pronto a masonería, sendo ésta lugar de orixe dunha das primeiras loxias de España, a Logia Constitucional de la Reunión Española, que se reunía no Café de la Esperanza , na rúa Real. O local foi ponto de encontro tamén dun grupo liberal coñecido como Club de la Esperanza ou de los Jacobinos, onde atopamos a representantes de destacadas familias comerciais e cuias actividades despertaron as sospeitas da Inquisición, que as procesou. Entre elas estaban Pedro de Llano, “primera cabeza del Club”, Valentín de Foronda, “corifeo de los jacobinos, ateistas, deistas”, Marcelino Calero, “editor del periódico más impío y revolucionario que hay en todo el Reino”, (El Ciudadano por la Constitución), Marcial Francisco del Adalid “impío y republicano”, Juan Antonio de la Vega, “acérrimo demócrata y de los principales del Club”, Manuel Pardo de Xas, “impío y demócrata en sumo grado; autor de los folletos “Os rogos do gallego” y “El pueblo gallego no quiere la Inquisición”. Éste último era un dos alcumes de Manuel Pardo de Andrade. Outro foi o de León de Parma.

O Diario de La Coruña publicouse entre xuño de 1808, poco despóis do levantamento anti-francés, en xaneiro de 1809, cando, ante a chegada das tropas francesas -que se bateron cos británicos de sir John Moore na batalla de Elviña-, Manuel Pardo decide fuxir. Residiu durante un tempo en Londres. Á súa volta, libre xa a cidade da presencia francesa e por encargo da Junta del Reino, comeza a publicación do Semanario Político, Histórico y Literario de La Coruña e logo do Boletín Patriótico. Nesta época escribe tamén unhas Reflexiones sobre la mejor Constitución posible para España e unha crítica ao bispo de Ourense Pedro Quevedo y Quintano, destacado deputado de Cádiz e un dos máis furibundos representantes da facción servil nas Cortes.

Manuel Pardo é autor tamén dunha singular obra poética de tintes patrióticos, con títulos como Al combate de Trafalgar, A Lord Wellington, A la batalla de Arapiles, ademáis de numerosos informes e proxectos presentados ante o Real Consulado da Coruña e á Sociedad Matritense, e cuia temática abrangue desde o comercio ata a agricultura ou a navegación.

Máis éxito tivo "Os rogos de un gallego establecido en Londres, dedicado ós seus paisanos para abrilles os ollos sobre certas iñorancias e o demais que verá o curioso leutor", feroz sátira contra a Inquisición, publicada en Santiago en 1813, condenada polo arcebispo Rafael Múzquiz por contener proposiciones ímpias, falsas, obscenas, temerarias, inductivas al tolerantismo, sistema revolucionario e irreligioso, e do cal se ten dito: Mala era la Inquisición; pero los versos de Pardo de Andrade son indudablemente peores.

Coa volta de Fernando VII, Manuel Pardo emprende, como moitos outros liberais, o camiño do exilio. Nese tempo estableceuse en Londres para logo pasar a Francia, onde frecuentou a figuras sobresaíntes da emigración, como o conde de Toreno, ao xeneral Espoz y Mina e a súa esposa, a coruñesa Juana de Vega.

Pardo soubo conciliar os sinsabores do exilio coa aventura romántica que compartiu cunha cantante, Francisca Rosa Hardy, coa que tivo unha filla, Ángela, nacida en Dorneda. A parella permaneceu en Francia ata o triunfo do pronunciamento de Quiroga e Riego en 1820, movemento que tivo o seu eco na cidade da Coruña, onde contou co decisivo apoio da súa burguesía coruñesa.

De novo na cidade, Pardo reanuda a labor periodística coa publicación do Correo de la Diputación de La Coruña, pero a chegada das tropas dos Cen Mil Fillos de San Luis, que pon fin á curta experiencia liberal do Trienio, e leva novamente a Manuel Pardo e á súa familia a abadonar o país a retornar a Francia, onde finalmente morreu no ano 1832.