Mostrando entradas con la etiqueta Jose Mª Orense. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Jose Mª Orense. Mostrar todas las entradas

sábado, 14 de abril de 2012

Viva a República!

Segundo o historiador Manuel Tuñón de Lara foi o 26 de marzo de 1848 cando por vez primeira se escoitou este grito nas rúas de Madrid.

O movemento revolucionario iniciado en febreiro en Francia e que foi coñecido como a "primavera dos pobos", extendeuse por Europa ao longo dese ano, acadando eco tamén en España.

O réxime sabelino, nas mans firmes do xeneral Narváez, non tiña ata daquela máis oposición que a do partido progresista. Pero o crecente descontento contra o goberno foi sumando novos partidarios. E así, baixo o influxo da corrente democrática que percorría Europa, facendo tambalear os tronos dos últimos gobernos absolutistas, grupos aínda minoritarios de demócratas e republicanos que se escindiran recentemente das filas do progresismo, protagonizaron varias intentonas para derrocar ao espadón moderado.

Entre os líderes democrátas que conspiraban contra o goberno destacaron José Mª Orense e José Ordax Avecilla. Foron eles, entre outros, quen orquestaron o movemento popular que se iniciaría na capital e que logo prendeu nalgunhas cidades. Na tarde do 26 de marzo un grupo dunhas cincocentas persoas concentrárose nas prazas Mayor e do Progreso ao grito de viva la República!, viva la libertad!, viva la milicia! e viva el pueblo soberano! Pero as forzas militares dispostas polo goberno lograron pecharlles o paso na Carrera de San Jerónimo. A rápida actuación dos militares e a enérxica reacción de Narváez permitiron reprimir sen problemas o movemento.

O xeneral decidiu disolver as Cortes e gobernou de xeito ditatorial nos dous anos seguintes. No seu famoso "Discurso sobre la Dictadura" o político conservador José Donoso Cortés, ideólogo do doutrinarismo, xustificaba a actuación do xefe de goberno: "Cando a legalidade basta para salvar á sociedade, a legalidade; cando non basta, a ditadura".

Pero a chama da liberdade non fora del todo apagada. Poucos anos despóis, en xuño de 1854, o pronunciamento progresista de Vicálvaro pon fin, anque só de xeito temporal, ao réxime dos moderados.