Segundo o historiador Manuel Tuñón de Lara foi o 26 de marzo de 1848 cando por vez primeira se escoitou este grito nas rúas de Madrid.
O movemento revolucionario iniciado en febreiro en Francia e que foi coñecido como a "primavera dos pobos", extendeuse por Europa ao longo dese ano, acadando eco tamén en España.
O réxime sabelino, nas mans firmes do xeneral Narváez, non tiña ata daquela máis oposición que a do partido progresista. Pero o crecente descontento contra o goberno foi sumando novos partidarios. E así, baixo o influxo da corrente democrática que percorría Europa, facendo tambalear os tronos dos últimos gobernos absolutistas, grupos aínda minoritarios de demócratas e republicanos que se escindiran recentemente das filas do progresismo, protagonizaron varias intentonas para derrocar ao espadón moderado.
Entre os líderes democrátas que conspiraban contra o goberno destacaron José Mª Orense e José Ordax Avecilla. Foron eles, entre outros, quen orquestaron o movemento popular que se iniciaría na capital e que logo prendeu nalgunhas cidades. Na tarde do 26 de marzo un grupo dunhas cincocentas persoas concentrárose nas prazas Mayor e do Progreso ao grito de viva la República!, viva la libertad!, viva la milicia! e viva el pueblo soberano! Pero as forzas militares dispostas polo goberno lograron pecharlles o paso na Carrera de San Jerónimo. A rápida actuación dos militares e a enérxica reacción de Narváez permitiron reprimir sen problemas o movemento.
O xeneral decidiu disolver as Cortes e gobernou de xeito ditatorial nos dous anos seguintes. No seu famoso "Discurso sobre la Dictadura" o político conservador José Donoso Cortés, ideólogo do doutrinarismo, xustificaba a actuación do xefe de goberno: "Cando a legalidade basta para salvar á sociedade, a legalidade; cando non basta, a ditadura".
Pero a chama da liberdade non fora del todo apagada. Poucos anos despóis, en xuño de 1854, o pronunciamento progresista de Vicálvaro pon fin, anque só de xeito temporal, ao réxime dos moderados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario