miércoles, 4 de noviembre de 2015

O primeiro atentado político

Afogada polas tropas da Santa Alianza a curta experiencia liberal do Trienio, Fernando VII designará como Capitán Xeral da levantisca provincia de Galicia a Nazario Eguía, sobriño de Francisco Eguía, o que fora artífice do primeiro pronunciamento absolutista de 1814, o primeiro da nosa historia recente. 

Este Eguía exerceu o cargo de 1824 a 1832 de forma case ininterrumpida, e destacou pola súa entrega á causa do absolutismo. O seu mandato coincidiu co doutro furibundo absolutista ao fronte da mitra compostelana, o arzobispo Rafael de Vélez, autor do Preservativo contra la irreligión e a Apología del Trono y el Altar. Del deixou escrito o noso historiador Benito Vicetto:

"Considerando Eguía á Coruña como foco da Galicia liberal, propúxose acabar oficialmente con esa cidade. Descargando sobre ela a súa man férrea, trasladou a Compostela a Capitanía Xeral, a Audiencia e demáis autoridades da provincia. Centro xa Compostela da Galicia teocrática, sendo capitán xeral do antigo Reino, agora viña a ser como a corte do partido clerical galaico, e o seu arzobispo o tsar (...) Presentíase xa no horizonte político o advenimiento de Calomarde, e que a súa sombría figura ía a cubrir con as súas negras e sanguentas ás as liberdades públicas, non respirando ninguén senón o calor das fogueiras inquisitoriais".

A política represiva de Eguía atopou resposta o 23 de outubro de 1829. Ese día o Capitán Xeral recibiu unha misiva coa seguinte indicación: reservadísimo, plan de una conspiración de liberales cerca del general Eguía, del que sólo debe enterarse él. A rotura do sobre provocou o encendido do fulminante e o estoupido, o cal lle provocou a perda dunha man e parte doutra.

As sospeitas recaeron nun farmaceútico de Ribadavia, Jose María Chao Rodríguez, pai do historiador e ministro de Fomento Xosé María Chao, que foi detido e desterrado. Pero nunca se poido demostrar a súa participación. De resultas do atentado, o rei Fernando VII lle concedeu a Eguía o privilexio de firmar con estampiña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario