lunes, 30 de noviembre de 2015

O fotógrafo de Mauthausen


Era fotógrafo, comunista e supervivente do campo de concentración de Mauthasen. As súas fotos no só serviron para amosar ao mundo as atrocidades cometidas polos nazis nos lager; os campos do horror, foron tamén unha valiosa testemuña nos xuizos celebrados en Nuremberg contra os xerarcas do réxime, tras a Segunda Guerra Mundial (él mesmo foi o único español que declarou no proceso).

Francesc Boix era natural de Barcelona, onde naceu en 1920. Con vinte anos e rematada a Guerra Civil, foi capturado en Francia e, tras pasar por diversos campos franceses, foi trasladado a Mauthasen. Alí, pola súa experiencia coa fotografía, é destinado ao servizo de identificación das SS, encargado de fotografar todos os eventos que tiñan lugar no lager. Durante anos e coa colaboración do seu compañeiro Jacinto García, fixo copias das fotos realizadas no campo polas SS que, pouco antes da liberación polas tropas norteamericanas, lograron sacar de alí.

O campo de Mauthasen abriuse en 1938. Ata 1943 a maioría dos deportados eran presos políticos. Abundaban os polacos, soviéticos, húngaros, pero había tamén alemáns, italianos, franceses e españois, éstos últimos identificábanse por un triángulo azul de tela cunha "S" cosido no traxe a raias. Hai constancia tamén da presenza de galegos no campo; cinco prisioneiros eran veciños de Ferrol. 

(http://pares.mcu.es/Deportados/servlets/ServletController)

Das 200 000 persoas que pasaron por Mauthausen e os seus subcampos, unhas 100 000 morreron vítimas das inxeccións, da conxelación dos "baños da morte", do gas letal, da desnutrición e do traballo extenuante, particularmente nas chamadas "escaleiras da morte", por onde os presos subían os bloques de pedra da canteira. Desde 1943, incrementouse o número de presos polas crecentes necesidades da guerra.

Dos 7000 españois que foron a parar a Mauthasen, só 2000 foron finalmente liberados en maio de 1945, coa chegada das tropas aliadas. Unha das fotografías de Boix amosa a pancarta, nunha das portas do campo, elaborada polos presos españois para festexar a entrada dos soldados norteamericanos.

Unha das últimas montaxes do Centro Dramático Nacional e da compañía Micomicón, recentemente representada no Pazo da Cultura de Narón, El triángulo azul, reconstrúe a experiencia no campo de concentración de Mauthasen dos presos españois, a feroz inhumanidade dos carceleiros e a coraxe de xentes que como Boix fixeron o imposible por salvar a memoria do horror.


Si isto é un home

Vostedes que viven seguros
Nos seus cálidos fogares
Vostedes que ao volver a casa
Atopan a comida quente
E rostros amigos
Pregúntense si é un home
O que traballa no lodo
O que non coñece a paz
O que loita por medio pan
O que morre por un si ou un non
Pregúntense si é unha muller
A que non ten cabelo nin nome
Nin forza para recordalo
E si a mirada baleira e o colo frío
Como unha ra no inverno
Pensen que ésto ocorreu:
Encoméndolles estas palabras.
Grávenas nos seus corazóns
Cando estean en casa, cando anden pola rúa
Cando se deiten, cando se levanten;
Repetir aos seus fillos.
Si non, que as súas casas se derrúben
E a enfermidade os incapacite
E os seus descendientes lle dean as costas.


Primo Levi, escritor italiano, sobrevivente de Auschwitz.

Para saber mais:

El fotógrafo perdido: http://cultura.elpais.com/cultura/2013/07/24/actualidad/1374695470_161518.html

La Guerra Civil del fotógrafo perdido: http://cultura.elpais.com/cultura/2013/03/27/actualidad/1364413062_160391.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario