jueves, 22 de marzo de 2012

"Los Errantes"

Eran anos de ferro en Barcelona. Ante a presión das organizacións obreiras -coa folga como principal elemento de presión- a patronal catalana, agrupada na poderosa Fomento del Trabajo Nacional, contestaba con lock-outs e apoiaba a formación dos amarelos Sindicatos Libres, cuios pistoleiros se adicaban á intimidación e eliminación de líderes sindicais, como no caso do anarquista Salvador Segui, El noi del sucre, asasinado en 1923. En resposta a estas accións moitos patróns e asasinos a soldo son abatidos por membros dos sindicatos.

A extrema violencia que se viviu naqueles anos -entre 1918 e 1923 rexístranse 800 atentados- serviu de pretexto ao gobernador militar, o ferrolán Martínez Anido, para decretar o estado de excepción, mentres a policía non dubidaba en aplicar sistemáticamente a "lei de fugas". Nesta tarefa destacou especialmente o comisario Manuel Bravo Portillo, figura vinculada ao espionaxe alemán durante a I Guerra Mundial e responsable de varios crimes.

Foi neste contexto de aberta loita social onde xurden grupos anarcosindicalistas partidarios da acción directa, como Los Solidarios, que posteriormente pasou a chamarse Los Errantes, do que formaron parte algún dos máis coñecidos anarquistas españois, como Buenaventura Durruti e Francisco Ascaso. As accións nas que se viron envoltos -como o fracasado intento de atentar contra Alfonso XIII- obrigounos a escapar do país para continuar en América as súas actividades revolucionarias.

Alí, actuando como auténticos bandoleiros, adicáronse a atracar bancos pata poder financiar as súas actividades revolucionarias. O episodio serve de argumento ao periodista Jorge Díaz, autor da novela La justicia de Los Errantes, que narra en clave de acción a aventura americana dos dous anarquistas.

lunes, 19 de marzo de 2012

Katipuneros

O Katipunan, cuio nome oficial era Venerable Sociedad Suprema de los Hijos del Pueblo é, xunto á Liga Filipina de José Rizal, un dos primeiros movementos de carácter independentista que xurden en Filipinas nos últimos anos do século XIX.

De carácter secreto e vinculacións masónicas o Katipunan dispuña dunha complexa estrutura. A organización estivo dirixida por Andrés Bonifacio en calidade de Presidente do Consello Supremo ou Supremo. Tres eran os seus obxectivos principais, un de carácter político, a loita pola independencia de Filipinas; outro de índole social, impulsar a axuda mutua e a solidaridade cos humildes; e, no ámbito moral e educativo, a promoción das normas de urbanidade e hixiene.

Unha das súas primeiras actuacións foi o envío dunha delegación a Xapón para conseguir fondos cos que financiar a revolución e convencer a Rizal -daquela no exilio- de que se puxera ao fronte do movemento independentista. Misión que se saldou cun rotundo fracaso. Rizal, que consideraba demasiado precipitado iniciar neses momentos a sublevación, foi detido á súa volta a Filipinas, acusado de actividades antiespañolas e condenado a morte en 1896.

A revelación cara a 1896 da existencia do Katipunan alertou ás autoridades españolas, que declararon o estado de guerra en varias provincias. Pola súa banda, o Katipunan acelerou os preparativos militares. E como xesto de ruptura coa metrópole os katipuneros romperon as súas cédulas de identificación. Foi en Manila e nas provincias próximas (Bulacán, La Laguna, Cavite,..) onde o levantamento obterá un maior eco.

Pero non tardaron en producirse as diferencias no seo do movemento independentista. Nunha reunión celebrada na localidade de Tejeros a mediados de 1897 saíron a relucir as diferencias entre o Supremo Andrés Bonifacio e Emilio Aguinaldo, futuro primer presidente da República, que rematou co apresamento de Bonifacio, acusado de traición, e a súa execución.

domingo, 18 de marzo de 2012

Que inventen eles!

A frase, saída da pluma do escritor Miguel de Unamuno, non fai xustiza a un país onde a imaxinación e a capacidade inventiva suplen con frecuencia a escaseza de medios e as carencias en materia de educación. Lonxe, polo tanto, dese tópico, España é un país cunha longa nómina de creadores e xeniais inventores que sufriron o desinterese dos gobernos e o desprezo dunha parte importante da sociedade do seu tempo.

Valga como exemplo do dito o caso dos tres científicos que traemos hoxe a colación:

Francisco Salvá y Campillo (1751-1828): médico e inventor, foi un dos promotores en España da inoculación contra a virola. Interesouse pola navegación aerostática. Os seus estudos sobre a electricidade leváronno a dirixir a Sección de Electricidade da Real Academia de Ciencias Naturales y Artes de Barcelona. Diseñou ademáis un telégrafo eléctrico, unha máquina para separar a fibra do liño do cáñamo e foi un dos pioneiros da navegación submariña, diseñando un modelo de submarino que denominó o “barco-pez”.

Agustín de Betancourt y Molina (1758-1824): a súa primeira aportación foi unha máquina para entorchar seda; proxecto no que colaborou a súa irmá, María de Betancourt, unha das mulleres pioneiras da ciencia no noso país. En 1783 Agustín de Betancourt elevou o primeiro globo aerostático en España. En Francia e Inglaterra realizou diversos estudios sobre hidraúlica e mecánica. Interesouse polos traballos de James Watt e él mesmo diseñou un telar mecánico. Asemesmo construiu un aparello eólico para desaugar terrenos pantanosos e fabricou diversos instrumentos para a expedición de Malaspina. Desde 1792 dirixiu o Real Gabinete de Máquinas. Además de publicar un extenso catálogo con 270 máquinas recollidas ou proxectadas por él mesmo durante a súa estancia en Francia, diseñou tamén unha máquina para cortar herba, un telégrafo óptico -inagurando en 1799 a primeira liña entre Madrid e Aranjuez-, e unha prensa hidraúlica. Fundou a Escola Oficial do Corpo de Enxeñeiros de Camiños en 1802. En Francia presenta ante a Academia de Ciencias unha esclusa de émbolo e inventa un termómetro mecánico. Instalado definitivamente en Rusia desde 1807, onde é nomeado mariscal do exército, foi nomeado director do Departamento de Vías de Comunicación, e leva a cabo numerosas obras públicas (ponte sobre o Malaya Nevka, modernización da fábrica de armas de Tula, a fábrica de cañones de Kazán, a draga de Kronstadt, as andamiaxes para a catedral de San Isaac. a Columna de Alexandre I, o canal Betancourt de San Petersburgo, etc).

Leonardo Torres Quevedo (1852-1936): este enxeñeiro de camiños foi un auténtico innovador no campo da Automática e da Informática. A partir de 1887 diseñou os seus primeiros transbordadores, como o “transbordador de Portolín”, e a partir de 1914 constrúe o transbordador sobre o río Niágara, tamén coñecido como Spanish Aerocar, que aínda hoxe segue en funcionamento. Torres Quevedo diseña tamén varias máquinas analóxicas de cálculo, a máis coñecida é O Axedrecista. En 1903 presentou o seu “Telekino”, un autómata que respondía a ordes emitidas a través de ondas hertzianas, convertíndose no primeiro mecanismo controlado cun mando a distancia. Neses anos proxecta o primeiro dirixible español, o Astra-Torres, que foi utilizado por franceses e ingleses durante a I Guerra Mundial.

miércoles, 14 de marzo de 2012

Balada para Elpidio Valdés

Entre os heroes da Guerra de Cuba poucos acadaron mais sona que o coronel Elpidio Valdés. Anque os nomes de Antonio Maceo, Carlos Manuel de Céspedes, Máximo Gómez e, sobre todo, José Martí, teñen un maior recoñecemento nas páxinas dos libros de historia, as fazañas de Elpidio Valdés sempre atoparon entre os cubanos un enorme eco, ata o punto de converterse en símbolo da resistencia cubana fronte ao dominio colonial español.

Elpidio Valdés é unha personaxe de historieta que naceu en 1970, froito da imaxinación do debuxante Juan Padrón, pai tamén do cine de animación cubano.

As aventuras de Elpidio comezan durante a Guerra da Independencia, logo da morte do seu pai -un oficial mambí- e a súa incorporación ao Exército Libertador. Convertido en coronel dun escuadrón de cabaleiría, Elpidio Valdés terá que enfrontarse, case sempre con éxito, ao seu maior inimigo, o xeneral Resóplez. Pero coa axuda dos seus valerosos mambises -sen esquecer ao seu cabalo Palmiche- e a coraxe da súa muller Maria Silvia, Elpidio logrará vencer por fin aos opresores españois e liberar ao pobo cubano.

domingo, 11 de marzo de 2012

Ferrol, 10 de marzo de 1972

Corría o mes de marzo de 1972. O final da ditadura semellaba próximo, pero o réxime decidira morrer matando. Ferrol e os concellos limítrofes albergaban unha numerosa poboación obreira. E nos centros fabrís de Astano e Bazán desenvolvíase unha intensa labor sindical, primeiro a través dos sindicatos verticais franquistas e, desde finais dos anos 60, nas clandestinas Comisiones Obreras (CC.OO.).

O 9 de marzo de 1972, en plena discusión do novo convenio de Bazán e a raíz duns despedimentos, produciuse un enfrontamento entre os traballadores e a policía. O día seguinte os obreiros atopan pechadas as portas do asteleiro e deciden dirixirse en manifestación ata Caranza, onde esperaban que se lles uniran os traballadores da construcción e os compañeiros de Astano. As forzas da Policía Armada -os temidos grises- saíronlles ao paso na Avenida das Pías e comenzaron a disparar, pero a presenza duns 4 000 manifestantes obrigounos a retirarse, deixando un saldo de dous mortos -os traballadores Amador Rey Rodríguez e Daniel Niebla García- e vintedous feridos.

Nos días seguintes 102 persoas foron detidas e obrigadas a pagar fortes multas, 42 foron procesadas polo Tribunal de Orden Público e a empresa Bazán permaneceu pechada.

Con esta acción os traballadores ferroláns colocáronse no primeiro plano da loita pola democracia, segundo o investigador Goméz Alén, que defende tamén que a Transición non foi obra dun selecto e reducido grupo de políticos e intelectuais, senon do compromiso e da loita da clase traballadora.

En lembranza destes sucesos, hoxe conmemoramos o 10 de marzo como o Día da Clase Obreira Galega.