O Katipunan, cuio nome oficial era Venerable Sociedad Suprema de los Hijos del Pueblo é, xunto á Liga Filipina de José Rizal, un dos primeiros movementos de carácter independentista que xurden en Filipinas nos últimos anos do século XIX.
De carácter secreto e vinculacións masónicas o Katipunan dispuña dunha complexa estrutura. A organización estivo dirixida por Andrés Bonifacio en calidade de Presidente do Consello Supremo ou Supremo. Tres eran os seus obxectivos principais, un de carácter político, a loita pola independencia de Filipinas; outro de índole social, impulsar a axuda mutua e a solidaridade cos humildes; e, no ámbito moral e educativo, a promoción das normas de urbanidade e hixiene.
Unha das súas primeiras actuacións foi o envío dunha delegación a Xapón para conseguir fondos cos que financiar a revolución e convencer a Rizal -daquela no exilio- de que se puxera ao fronte do movemento independentista. Misión que se saldou cun rotundo fracaso. Rizal, que consideraba demasiado precipitado iniciar neses momentos a sublevación, foi detido á súa volta a Filipinas, acusado de actividades antiespañolas e condenado a morte en 1896.
A revelación cara a 1896 da existencia do Katipunan alertou ás autoridades españolas, que declararon o estado de guerra en varias provincias. Pola súa banda, o Katipunan acelerou os preparativos militares. E como xesto de ruptura coa metrópole os katipuneros romperon as súas cédulas de identificación. Foi en Manila e nas provincias próximas (Bulacán, La Laguna, Cavite,..) onde o levantamento obterá un maior eco.
Pero non tardaron en producirse as diferencias no seo do movemento independentista. Nunha reunión celebrada na localidade de Tejeros a mediados de 1897 saíron a relucir as diferencias entre o Supremo Andrés Bonifacio e Emilio Aguinaldo, futuro primer presidente da República, que rematou co apresamento de Bonifacio, acusado de traición, e a súa execución.
No hay comentarios:
Publicar un comentario