Corría o mes de marzo de 1972. O final da ditadura semellaba próximo, pero o réxime decidira morrer matando. Ferrol e os concellos limítrofes albergaban unha numerosa poboación obreira. E nos centros fabrís de Astano e Bazán desenvolvíase unha intensa labor sindical, primeiro a través dos sindicatos verticais franquistas e, desde finais dos anos 60, nas clandestinas Comisiones Obreras (CC.OO.).
O 9 de marzo de 1972, en plena discusión do novo convenio de Bazán e a raíz duns despedimentos, produciuse un enfrontamento entre os traballadores e a policía. O día seguinte os obreiros atopan pechadas as portas do asteleiro e deciden dirixirse en manifestación ata Caranza, onde esperaban que se lles uniran os traballadores da construcción e os compañeiros de Astano. As forzas da Policía Armada -os temidos grises- saíronlles ao paso na Avenida das Pías e comenzaron a disparar, pero a presenza duns 4 000 manifestantes obrigounos a retirarse, deixando un saldo de dous mortos -os traballadores Amador Rey Rodríguez e Daniel Niebla García- e vintedous feridos.
Nos días seguintes 102 persoas foron detidas e obrigadas a pagar fortes multas, 42 foron procesadas polo Tribunal de Orden Público e a empresa Bazán permaneceu pechada.
Con esta acción os traballadores ferroláns colocáronse no primeiro plano da loita pola democracia, segundo o investigador Goméz Alén, que defende tamén que a Transición non foi obra dun selecto e reducido grupo de políticos e intelectuais, senon do compromiso e da loita da clase traballadora.
En lembranza destes sucesos, hoxe conmemoramos o 10 de marzo como o Día da Clase Obreira Galega.
No hay comentarios:
Publicar un comentario