A recente visita do secretario de Estado dos EEUU, John Kerry, a España ten por obxecto a firma dun acordo co ministro español de Exteriores, José García Margallo, para rehabilitar e trasladar as terras contaminadas con motivo do accidente de Palomares.
Hai case 50 anos, o 17 de xaneiro de 1966, catro bombas nucleares precipitáronse sobre a costa de Almería, en Palomares, despóis de que colisionaran un bombardeiro B-52 e un avión nodriza das forzas aéreas dos EEUU. Dúas das bombas fragmentáronse ao caer en terra e unha nube radioactiva espallouse ao longo dunha superficie de duascentas hectáreas, que a día de hoxe seguen contaminadas. Foi un un dos mais graves accidentes que se teñen producido con armamento deste tipo.
A terceira das bombas caeu ao mar e non poido ser recuperada ata 80 días despóis. O clima bélico da guerra fría -unha das cuias claves era a posesión de sofistificado armamento nuclear- explica o enorme interés que amosou neste asunto o goberno norteamericano, que desplegou un enorme dispositivo, con técnicos, unha treintena de buques, minisubmariños, etc.
Pero foi un pescador de Águilas, Francisco Simó, Paco el de la bomba, sen mais recursos que o seu inxenio e o saber dos homes da mar, que indicou aos norteamericanos o lugar onde se atopaba a bomba.
Ante preocupación xerada entre a poboación -que a censura non poido evitar que fora recollida na prensa- e o medo aos efectos sobre a saúde da poboación e o turismo, sector que empezaba o seu despegue, o ministro español de Información y Turismo, Manuel Fraga Iribarne, o embaixador norteamericano e o presidente da axencia estatal de noticias EFE, Carlos Sentís, déronse un baño en augas de Palomares, co obxectivo de tranquilizar á poboación e garantir a ausencia de radioactividade nas augas. Circularon rumores de que tal baño non se realizara en Palomares e sí da veciña localidade de Mojácar. O certo é que houbo dous baños.
A necesidade de manter unhas boas relacións cos norteamericanos (en 1953, baixo a presidencia de Eisenhower, fírmanse os Pactos de Madrid, que supuxeron o recoñecemento por parte de EEUU do réxime franquista a cambio de axuda económica e militar) explica a especial vixiancia que se exerceu sobre os medios de comunicación desde o ministerio que presidía Fraga e a represión de accións de protesta, como a que promoveu a aristócrata antifranquista Isabel Álvarez de Toledo, a Duquesa Roja.
O documental Flecha Rota narra estes feitos:
https://www.youtube.com/watch?v=qSwfCnOBPMU