jueves, 30 de mayo de 2013

Pioneiros do socialismo en España


Joaquín Abreu




O pensamento socialista en España tivo un alumeamento tardío, froito do lento despegue do proceso industrializador e o paralelo atraso na consolidación dunha clase obreira. Non será ata os primeiros momentos do reinado de Isabel II cando xurdan os primeiros pensadores sociais da man do socialismo utópico.

As consecuencias sociais do fenómeno industrial despertaron, como no resto da Europa, o interés dun grupo de teóricos sociais que introduciron en España as propostas dos utópicos.

En 1834 en Cataluña o militar e escritor Josep Andreu Fontcuberta publica nos xornais El Vapor e El Propagador de la Libertad varios artículos de inspiración saintsimoniana onde avogaba por un modelo armónico de relacións laborais entre patróns e traballadores.

Tamén foi en Cataluña -concretamente no núcleo barcelonés, escenario das primeiras experiencias industriais modernas-onde prenderon as ideas igualitarias de Etienne Cabet, sendo os seus introductores Narcís Monturiol -un dos pais da navegación submariña- e Josep Anselm Clavé, especialmente no xornal La Fraternidad.

En zonas como Andalucía ou Madrid terá maior influencia o fourierismo, con figuras como Joaquín Abreu Orta. Este militar andaluz, combatente na guerra da Independencia, deputado e publicista,  coñecido como o "discípulo de Fourier",  foi condenado a morte por Fernando VII por votar a favor da destitución temporal do monarca por delirio momentáneo nas Cortes do Trienio. Exiliado en Francia, coñece a Charles Fourier e colabora na organización do falansterio de Condé-sur-Vesgre.
Dar a cada uno el fruto íntegro de su trabajo es un principio de eterna justicia. Distribuir la producción general sin consideración a la parte que cada cual ha tomado en ella es un principio de eterna iniquidad: el desarrollo de estos principios conduce por un lado a la paz y por otro a la guerra entre los hombres.
O influxo do fourerismo exténdese a Madrid a través de Fernando Garrido, autor, entre outras, da La república democrática federal universal (1855) e a Historia de las clases trabajadoras (1870). Garrido defendía a idea de que, a través do progreso da razón, acadarase a emancipación dos traballadores. E que ésta só poderá conseguirse por medio do cooperativismo e o sufraxio universal.
Fernando Garrido

O xornal La Organización del Trabajo foi o portavoz das ideas foureristas, e nel colaboraba Sixto Cámara, periodista republicano, activo militante demócrata e un dos fundadores -con Fernando Garrido e outros- da sociedade Los hijos del pueblo.


Ramón de la Sagra
Máis alá do debate teórico, a principios dos anos corenta van cobrando forma as primeiras asociacións obreiras, como a "Sociedad de Protección Mutua de Tejedores de Algodón" (1840-1843) en Barcelona, ao tempo que se produce un acheganento do movemento obreiro ao republicanismo democrático. A revolta da Jamáncia, no verán do 43, foi a expresión do descontento do proletariado barcelonés.

Outro dos socialistas utópicos que deixaron a súa pegada en España foi o pensador francés Joseph Proudhon. Un dos seus difusores foi o coruñés Ramón de la Sagra. Este botánico, deputado e ensaísta galego participou nas xornadas revolucionarias de París, na primavera do 48, e polo cal foi expulsado do país. En Francia colaborou con Proudhon na fundación do Banco do Pobo, unha institución financieira destinada a acabar co capital por medio da supresión do interés. Francesc Pi i Margall, presidente dogoberno na I República e principal ideólogo do federalismo en España, interesouse polo pensamento de Proudhon, en especial a noción de "autonomía", que será o núcleo da súa concepción federalista.

A ameaza que representaba para os gobernos liberais o movemento obreiro explica as medidas represivas, especialmente a raíz dos sucesos do 48 en Francia, que en España coincide coa ditadura do xeneral Narváez, cando o ministro Sartorius promulgou a primeira prohibición de publicacións que "contuvieran doctrinas dirigidas a atacar la propiedad, a relajar los lazos sociales, a vulnerar la Religión del Estado".

Bibliografía:
Bizcarrondo, Marta, Enanos y gigantes. El socialismo español, 1833-1936. Historia de la teoría política (4)

E sobre a "bullanga" da Jamáncia:
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/08/22/catalunya/1345660116_546062.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario