O movemento cantonalista, que está na orixe das fortes discrepancias que sacudiron o federalismo durante a I República, consumando o fracaso do proxecto federal, tivo no levantamento republicano de Ferrol de outubro de 1872, un singular antecedente.
A súa raíz hai que buscala na fracasada revolución setembrina de 1868, cuio éxito inicial -alimentado polo descontento dos traballadores do Arsenal e a activa participación dos republicanos- plasmouse na formación dunha "Junta revolucionaria" e na elección dunha corporación republicana. O gobernador civil, en medio dunha grande conflictividade, ordenou a súa disolución e nomeou unha nova, máis acorde cos principios monárquicos da Constitución de 1869.
Deste xeito, foi destituido o alcalde republicano, o periodista e escritor Francisco Suárez García, home polifacético e cuia actividade política cobre boa parte do último terzo do século. Ademáis de dirixir o comité local do Partido Republicano Federal, foi deputado nas Cortes constituíntes de 1873, editou varios xornais (El Eco Ferrolano, El Trabajo, La Democracia) e foi Venerable Mestre da primeira loxia masónica de Ferrol, Luz de Finisterre nº 11, auténtico núcleo conspirativo do levantamento de outubro do 72. Na súa faciana como escritor destacan as novelas "Los invasores" ou"Grandal".
A sublevación comezou no Arsenal o día 11. Contou coa participación dun reducido continxente de militares e civís ás ordes do brigadier Bartolomé Pozas, que tras a toma das instalacións e a detención do comandante Victoriano Sánchez Barcaíztegui, pronunciou a seguinte arenga:
Ciudadanos: En buena hora habéis llegado a comprender el levantado espíritu que a este puñado de hombres de corazón nos impulsa. Sois dignos de la libertad que yo, unido a estos mis buenos amigos, me propongo conquistaros a todo trance, cueste lo que cueste y caiga el que caiga, aun cuando para ello precise sacrificar mi existencia, que es pequeño sacrificio el de la vida cuando se consagra al triunfo de tan santos atributos: ¡igualdad, justicia, fraternidad; porque, habéis de saberlo, nosotros vamos a la república, venimos por la república y queremos la república democrática federal, ni más ni menos (...) Ciudadanos: ¡No más tiranos, no más inmoralidad, no más ignominia! Guardias, marineros y paisanos: ¡No más reyes! ¡Abajo las quintas y matrículas del mar! ¡Abajo los consumos! ¡Viva el Pueblo Soberano! ¡Viva la República Democrática Federal!
Nas horas seguintes o levantamento vai sumando máis apoios e o día 12 unha multitude percorre a cidade acompañándose de bandeiras vermellas e estandartes co lema "Libertad, Igualdad, Fraternidad y República Federal". Unha "Junta provisional" encabezada por Francisco Suárez ponse ao fronte do movemento.
Pero a reacción do goberno non se fai esperar e ao día seguinte chegan tropas procedentes da Coruña co obxectivo de aplastar a rebelión. A refrega sáldase coa derrota dos federais e a fuxida do seus líderes. No consello de guerra os implicados son condenados a penas de exilio, cárcere e pena capital, da que son finalmente indultados. Francisco Suárez parte cara a Madrid para non volver ata febreiro de 1873, unha vez proclamada a República. Máis adiante, durante a Restauración, verase obrigado a marchar novamente ao exilio.
Coñecidos os disturbios na capital, o goberno e as Cortes se pronuncian en contra do levantamento. A postura do deputado e líder federalista Pi i Margall, que condena o alzamento ( "...porque creemos que mientras estén aseguradas las libertades individuales y podamos manifestar y defender libremente nuestras ideas, las insurrecciones dejan de ser un hecho y pasan a tener el carácter de verdadero delito"), provocará a indignación do sector máis radical do federalismo, consagrando definitivamente a división entre benévolos e intransixentes. Éstes rompen co Directorio Federal do Partido, criticando a "dictadura funesta de Pi i Margall", e fundan un"Consejo Provisional de la Federación Española".
Así rematou a breve experiencia republicana independente de Ferrol.
Máis información en: VV AA, Historia de Ferrol, Vía Láctea Editorial, 1998.
No hay comentarios:
Publicar un comentario