jueves, 14 de febrero de 2013

O primeiro mitin en galego

Sucedeu en 1907, na vila de Betanzos. Unha multitude de labregos congregouse na praza do Campo para escoitar aos representantes de Solidaridad Gallega. Entre os oradores atopábase tamén o ex presidente da República Nicolás Salmerón, daquela presidente de Solidaridat Catalana, o modelo organizativo no que se inspiraron as diferentes correntes políticas do galeguismo (federais, tradicionalistas e rexionalistas) para constituir Solidaridad Gallega, animadas polo éxito electoral que Solidaridat acadara en Cataluña nas eleccións dese mesmo ano. Al igual que fixeran os seus correlixionarios en Cataluña, os solidarios galegos pretenden acabar co control caciquil que exercían os partidos dinásticos, sobre todo nos distritos rurais,  que é un dos rasgos característicos da Restauración.

Seguindo o seu exemplo, os solidarios intentarán conseguir unha representación política nas institucións mediante a mobilización do campesiñado, promovendo o asociacionismo. A aparición das sociedades agrarias a finais do século anterior -as primeiras nas Rías Baixas; nas Mariñas, a primeira foi a Asociación de Agricultores de Cervás (Ares)- foi a resposta do campesiñado á necesidade de organizarse para loitar contra os seus grandes males: os foros, os trabucos e os caciques. Ademáis do pulo modernizador que impulsaron no pauperizado rural galego, as agrarias supuxeron unha experiencia organizativa pioneira.  O elevado número de sociedades fundadas -cerca de 400-  contradice a visión tradicional dun campesiñado individualista, sumiso e medoñento. Pois foron frecuentes as protestas, especialmente contra os trabucos, e os mítines, nos que destacaban figuaras como Manuel Lugrís, Santiago Casares, Antonio Couceiro ou Rodrigo Sanz, multitudinarios. E a resposta das autoridades foi moi dura, polo temor que inspiraba un campesiñado organizado e combativo. As multas, as coaccións e as detencións de líderes agrarios e solidarios sucedéronse, coa complicidade do ministro de Graza e Xustiza e home forte tamén no distrito, Juan Armada y Losada, o marqués de Figueroa.

Aquel 6 de outubro de 1907 tomaron a palabra no mitin betanceiro, entre outros, Salmerón, o carlista Juan Vázquez de Mella e o rexionalista Manuel Lugrís Freire, do Centro Solidario da Coruña. Aquelas palabras do ensaísta, periodista e activista galeguista deberon calar moi fondo no seu auditorio, por seren pronunciadas na lingua do seus maiores, a lingua desprezada durante séculos e agora convertida no medio de expresión da súa loita.

Cando eu me atopare
de donos liberto,
e o pan no mo quiten
trabucos e préstames,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá entonces
o maio que eu quero.
Queredes castanas
dos meus castineiros?
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas nin portas,
nin foros nin cregos
 
Curros Enriquez, O Maio


No hay comentarios:

Publicar un comentario