![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgxXmUsIYpl5ogu4Rg1lwPzuhxtZLWvcYYlUCxmqoN58l_VTGUx0XKptNQdScHbc2E5O5QidJhniuT5vY76QCuJJpJ5aWqRG9_cppJmQf4DKL73VZvA0IroBGWLAJypSBG1189f6odoDBs/s200/bandoleros_sm.jpg)
De orixes humildes, Manuel de la Cruz instálase en Ferrol procedente de Lugo a principios de século. Traballa como aprendiz nunha xastrería e percorre as feiras traficando coas mercadurías do seu patrón. Os seus escasos recursos apenas lle daban para alimentarse con míseras sopas, e de ahí lle veu o seu alcume.
Ao cabo duns poucos anos rexenta unha taberna en Ferrol e adícase ao arrendo de viños e carnes, non tardando moito en converterse nun dos máis opulentos comerciantes da cidade, con propiedades tanto no centro como nas aforas da cidade. Esta prosperidade tiña a súa orixe nas accións ilícitas que comeza a desenvolver na compaña dun grupo de incondicionais, entre os que se contaban Miguel Rodríguez, Victorio e Luis de la Peña, José Vicente Prieto, Juan Nepomuceno Fernández Juan das Peras, Manuel Mariño.
A banda, formada por máis de cen individuos, posuía unha complexa e enmarañada estrutura, onde o vínculos familiares e un oscuro pacto de natureza supostamento demoníaco denominado a Compañía do gangueo, aseguraban o silencio. Aparte do núcleo central, a gavela dispuña dun grupo que levaba a cabo os atracos capitaneado por José Rodríguez Serantes.
Entre 1823 e 1835 a gavela comete preto de cen roubos nos concellos de Ferrol, Fene, Mugardos, Cabanas e As Pontes. A impunidade quedaba garantizada pola complicidade de autoridades e xuíces. O grupo contaba, ademais, cunha rede de informadores e colaboradores, como o celador das portas de Ferrol, o xamoneiro Juan Lino Román, que coñecía moitas casas, ou o sarxento de voluntarios realistas Antonio Solís.
A disolución da gavela foi resultado do azar, mais que á discutible actuación das forzas de seguridade, daquela en mans dos voluntarios realistas. O enfrontamento no seo da gavela polo reparto dun botín resolveuse coa morte, a mans de Sopiñas, do bandoleiro Manuel Mariño, cuio cadáver apareceu no foso do Arsenal. A viúva denunciou os feitos e o gobernador militar de Ferrol, Tomás Zumalacárregui, que pouco tempo despois convertiríase nun afamado xeneral do exército carlista, logrou deter ao cabecilla nunha fonda.
A historia non remata aquí, pois o famoso bandoleiro, condenado á morte, sería obxecto, durante a súa prisión no castelo de San Felipe, dun misterioso intento de envelenamento cuia autoría atribúese a importantes personaxes locais que pretenderían evitar verse involucrados polo Sopiñas nos seus negocios. O traslado da causa á xurisdicción civil libroulle da morte, sendo condenado a unha longa pena de cárcere no presidio de Ceuta.
González-Llanos, S., Las andanzas del Sopiñas. Capitán de una gavilla de bandoleros ferrolanos, Ferrol, 2002
No hay comentarios:
Publicar un comentario