miércoles, 4 de septiembre de 2013

Mohammed ben Mizzian: un oficial mouro ao servizo de Franco

A vida deste militar marroquí, o mais destacado oficial do continxente mouro que combatiu en España durante a guerra civil en apoio das tropas sublevadas, está rodeada dunha auténtica lenda negra.

Fillo dun cadí da cabila de Mazuza adicto ás tropas de ocupación españolas, naceu en Nador en 1897. Un primeiro episodio novelesco está vinculado á visita que fai Alfonso XIII á escola de Melilla onde estuda o xove Mizzian e cuxos coñecementos da xeografía española asombran ao monarca. Cando Alfonso XIII lle pregunta qué querría ser de maior, Mizzian lle contesta que “capitán”. E cando o mozo ten dezaseis anos o propio rei lle facilita o ingreso na Academia de Infantería de Toledo, cuios estatutos tiveron que ser cambiados para permitir o acceso dun musulmán.

Entre 1921 e 1926 participa, co grao de tenente, na sanguenta Guerra do Rif. Ferido durante o famoso desastre de Annual, é ascendido a capitán. Por un capicho do destino, os rifeños aos que se te que enfrontar están liderados polo seu antigo mestre, Abd el-Krim. A campaña lle depara outra feliz coincidencia: coñece a un xoven tenente coronel, Francisco Franco, a quen salva a vida. Gracias ao valor e arroxo que amosa durante a campaña ascende rápidamente.

En xullo de 1936, co inicio do levantamento militar contra a República, en cuxo plan paricipa desde semanas atrás, diríxese a Melilla ao fronte dun tabor de regulares e intervén na que está considerada a primeira acción armada da guerra.

Xa na Península, vémolo intervir na defensa do Alcázar de Toledo ao fronte dos seus regulares, e na batalla de Madrid, nos combates que se produciron na Cidade Universitaria. A violencia que empregaron as súas tropas en Toledo, así como a violación de dúas milicianas en Madrid foron descritas polo periodista nortemericano John T. Whitaker:

En certa ocasión atopábame nun cruce de camiños de Navalcarnero na compaña deste oficial marroquí cando trouxeron á súa presenza a dúas raparigas que aínda non cumpriran os vinte anos. Unha delas traballara nunha fábrica téxtil de Barcelona e levaba no peto da chaqueta un carnet sindical. A outra era de Valencia e dixo que era apolítica. Tras interrogalas co propósito de obter información militar, El Mizzian levounas a unha escola onde descansaban preto de 40 soldados mouros, que estallaron en alaridos ao velas chegar. Quedeime arrepiado, cheo de rabia e de impotencia. Cando lle manifestei a El Mizzian a miña protesta, respondeume cun sorriso: "Non vivirán mais de catro horas".

O propio Whitaker contaba que Mizzian lles prometera aos seus homes "mulleres brancas" e que chegou a montar un burdel con mulleres marroquíes e prisioneiras republicanas.

En 1937 Mizzian tomou parte na campaña do norte e en 1938, convertido xa en coronel, na batalla do Ebro, que decidiría a sorte da guerra.

Acabada a contenda, Franco desígnao capitán xeral de Ceuta. En 1953 é ascendido a tenente xeral e nomeado capitán xeral de Galicia. E foi neste destino onde xurdíu a lenda da súa presenza na celebración o día do apóstolo en Compostela. As autoridades decatáronse de que a imaxe do santo que tradicionalmente saía en procesión, Santiago Matamoros degollando musulmáns, podería resultar ofensiva ao novo capitán xeral. E foi entón cando -sempre segundo a lenda- a peana da estatua foi cuberta, algúns contan que cun pano branco e outros con ramilletes de rosas. Non deixaría de resultar chocante contemplar a figura de Santiago cortando as rosas en lugar das habituais cabezas de infieis.

 En 1956, logo de acadar a indepedencia, o monarca de Marrocos Mohammed V reclamou os servizos de Mizzian, que se encargará de crear o exército do novo estado. Él foi o responsable, ao ano seguinte, da brutal represión da revolta rifeña na que non dubidou en empregar napalm.

No ano 1964 foi destacado a Madrid como embaixador de Marrocos. Morre en 1975. En 2006, con motivo da inaguración na súa localidade natal dun museo adicado á súa memoria e na que non faltaron personalidades políticas e militares españolas, unha das súas fillas glosaba a súa figura nos seguintes termos: "simbolizou a fraternidade de armas hispano-marroquí".

Mais información
La última victoria de Mizzian, el general exterminador, artigo en El País de Ignacio Cembrero (http://elpais.com/diario/2006/06/04/espana/1149372011_850215.html).
España masacrada (http://elpais.com/diario/2011/03/27/eps/1301210816_850215.html)
Paul Preston, El holocausto español 
http://www.youtube.com/watch?v=hsdSTvUmg_s

No hay comentarios:

Publicar un comentario