martes, 19 de febrero de 2013

Caciquismo e fraude electoral en Ferrol durante a Restauración

A vida política durante a Restauración estivo dominada polas prácticas caciquís, elemento consustancial ao propio réxime. A maquinaria electoral, pensada para beneficiar exclusivamente aos partidos dinásticos, tiña o seu centro en Madrid, no Ministerio da Gobernación, e desde alí extendíanse os fíos dunha telaraña que abranguía, a través dos gobernadores civís, alcaldes e caciques, o  conxunto do territorio. O propio presidente Maura, que baixo o influxo rexeneracionista emprendeu unha reforma da Lei Electoral, explicábao da seguinte forma:
En Galicia existe una red interpuesta entre el poder público y el pueblo; red de caciques máximos, medios y mínimos que intercepta toda clase de comunicaciones. Seguramente el fluído que anima la nueva ley (...) no llegará al pueblo                                   
A reforma, que buscaba entre outras acabar co caciquismo, incluía o famoso e discutido artículo 29 (o carallo vintenove) que contemplaba a designación automática do candidato oficial naqueles distritos onde non se presentaran listas alternativas.

 Anque tamén estaba presente nas cidades, era sobre todo nos distritos rurais onde o caciquismo atopaba o seu caldo de cultivo. E, de feito, só cos habituais amaños electorais o goberno logrou impoñer o seus candidatos en cidades como Ferrol ou Coruña, onde era maioritario o voto republicano.

No distrito electoral de Pontedeume -desde San Sadurniño ata Miño- a figura política prominente foi desde finais do século XIX José Armada y Losada, marqués de Figueroa. Este "cacique máximo", membro dunha saga de políticos conservadores, ministro en varias ocasións con Maura, mantivo a súa acta de deputado polo distrito desde 1891 ata 1910 de xeito continuado e cunhas porcentaxes de voto do 100% na maoría das eelccións. Era éste un dos chamados "distritos enfeudados" que, a a diferenza dos "dispoñibles" ou "alternantes", non estaban suxeitos aos vaivéns electorais que impuña a quenda de partidos.

Unha tupida rede clientelar, o control de xulgados e gobernos locais -las dos fuentes de agua corrompida que envenenaban a vida municipal, en palabras do rexionalista ferrolán Rodrigo Sanz- eran pezas clave do sistema caciquil.

A aparición en escea en 1907 do movemento solidario e a extensión do societarismo agrario marcará un punto de inflexión na continuidade do modelo. As eleccións de 1909, onde os solidarios conseguiron máis de 250 actas na provincia, supuxeron unha auténtica ameaza para o marqués que apoiou, sendo ministro de Graza e Xustiza, as medidas represivas do gobernador civil (detencións, multas suspensión de mitines) contra os solidarios.



http://politica.elpais.com/politica/2013/01/04/actualidad/1357317555_770762.html

jueves, 14 de febrero de 2013

O primeiro mitin en galego

Sucedeu en 1907, na vila de Betanzos. Unha multitude de labregos congregouse na praza do Campo para escoitar aos representantes de Solidaridad Gallega. Entre os oradores atopábase tamén o ex presidente da República Nicolás Salmerón, daquela presidente de Solidaridat Catalana, o modelo organizativo no que se inspiraron as diferentes correntes políticas do galeguismo (federais, tradicionalistas e rexionalistas) para constituir Solidaridad Gallega, animadas polo éxito electoral que Solidaridat acadara en Cataluña nas eleccións dese mesmo ano. Al igual que fixeran os seus correlixionarios en Cataluña, os solidarios galegos pretenden acabar co control caciquil que exercían os partidos dinásticos, sobre todo nos distritos rurais,  que é un dos rasgos característicos da Restauración.

Seguindo o seu exemplo, os solidarios intentarán conseguir unha representación política nas institucións mediante a mobilización do campesiñado, promovendo o asociacionismo. A aparición das sociedades agrarias a finais do século anterior -as primeiras nas Rías Baixas; nas Mariñas, a primeira foi a Asociación de Agricultores de Cervás (Ares)- foi a resposta do campesiñado á necesidade de organizarse para loitar contra os seus grandes males: os foros, os trabucos e os caciques. Ademáis do pulo modernizador que impulsaron no pauperizado rural galego, as agrarias supuxeron unha experiencia organizativa pioneira.  O elevado número de sociedades fundadas -cerca de 400-  contradice a visión tradicional dun campesiñado individualista, sumiso e medoñento. Pois foron frecuentes as protestas, especialmente contra os trabucos, e os mítines, nos que destacaban figuaras como Manuel Lugrís, Santiago Casares, Antonio Couceiro ou Rodrigo Sanz, multitudinarios. E a resposta das autoridades foi moi dura, polo temor que inspiraba un campesiñado organizado e combativo. As multas, as coaccións e as detencións de líderes agrarios e solidarios sucedéronse, coa complicidade do ministro de Graza e Xustiza e home forte tamén no distrito, Juan Armada y Losada, o marqués de Figueroa.

Aquel 6 de outubro de 1907 tomaron a palabra no mitin betanceiro, entre outros, Salmerón, o carlista Juan Vázquez de Mella e o rexionalista Manuel Lugrís Freire, do Centro Solidario da Coruña. Aquelas palabras do ensaísta, periodista e activista galeguista deberon calar moi fondo no seu auditorio, por seren pronunciadas na lingua do seus maiores, a lingua desprezada durante séculos e agora convertida no medio de expresión da súa loita.

Cando eu me atopare
de donos liberto,
e o pan no mo quiten
trabucos e préstames,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá entonces
o maio que eu quero.
Queredes castanas
dos meus castineiros?
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas nin portas,
nin foros nin cregos
 
Curros Enriquez, O Maio